A Coruña celebra o Día da Policía cunha exposición na rúa
Drons, helicópteros, camións e ata unha carpa infantil onde se expiden carnés de policía para cativos son os principais atractivos
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, pechará os actos o vindeiro día 29
A Coruña foi a cidade elixida este ano pola Policía Nacional para festexar o seu aniversario.
Este xoves abriu as súas portas a unha exposición de vehículos que vai ter continuidade nos próximos días a través de exhibicións e unha carreira en memoria dos heroes do Orzán.
Haberá mostras do material que utiliza a policía e tamén exhibicións dos distintos grupos operativos.
A maior expectación está na carpa infantil, onde nenos e nenas poden obter un diploma e un carné infantil.
Na mostra é posible comprobar o funcionamento dos drons policiais, como traballan as distintas unidades ou contemplar unha serie de vehículos policiais e a súa evolución ao longo da historia.
Ademais, o venres 23 celebrarase un concerto didáctico da banda sinfónica da Policía Nacional no Palacio da Ópera.
O sábado 24, o Coliseum acolle unha serie de exhibicións de guías caninos, desactivación de explosivos ou vehículos de asalto, entre outras cousas.
Ese mesmo día está organizada unha carreira policial nocturna para os amantes do deporte con saída no monumento á homenaxe aos heroes do Orzán, aqueles tres axentes que perderon a vida fai dez anos cando tentaron salvar a un mozo eslovaco que tamén faleceu.
Os días 26 e 27, luns e martes, está prevista a celebración dun ciclo de conferencias no paraninfo da Universidade da Coruña con expertos policiais e doutros ámbitos da sociedade para abordar cuestións da seguridade pública.
O martes 28 celebrarase a gala de premios da Policía Nacional no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, cos premios de valores humanos e os premios de xornalismo.
Por último, o mércores 29 será o acto central institucional, presidido polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, con entrega de condecoracións e homenaxe aos caídos.