A Copa Galicia de baloncesto terá a final soñada
Triunfos claros do Monbús Obradoiro e do Río Breogán sobre o Leyma Coruña e o COB respectivamente
O sábado ás 19:00 horas (en directo por G24.gal) o Obradoiro e o Breogán xogarán a final soñada e agardada da Copa Galicia de baloncesto. Os dous representantes da terra na ACB impuxeron o seu potencial diante dos dous rivais da Leb Ouro: o Leyma Coruña e o Club Ourense Baloncesto.
O Obradoiro gañou na primeira semifinal ao equipo da Coruña por un claro 99-78. O partido comezou a romper no segundo cuarto cando os santiagueses se foron por riba dos dez puntos (48-35). As dúas fichaxes estelares dos obradoiristas, Bender e Westermann, foron os máis destacados, con 18 e 19 puntos.

O Breogán tampouco deixou lugar a dúbidas diante do COB. Xa no primeiro cuarto Bamforth (9 puntos) e Sergi Calvo (7) castigaron o seu rival e fuxiron no marcador cun 30-16. Non precisou máis que manter esa diferenza o equipo de Mrsic, que manexou vantaxes que estiveron arredor dos 15-20 puntos. No último cuarto o COB, baixou os brazos e o Breogán aproveitou para abrir unha fenda de escándalo, o 97-59 co que rematou o partido.