A Copa do Arenteiro esperta no Carballiño máis expectación que a do Mundial
Nos últimos días vendéronse 600 bufandas e 300 camisetas
O Atlético de Madrid visita esta noite o Espiñedo
O día non amenceu frío no Carballiño, pero hoxe todos levan a súa bufanda do Arenteiro.
Silvia Asorey, dona dunha tenda de deportes, afirma que nunca venderan tantas. Calcula que nos últimos días foron 600 bufandas e unhas 300 camisetas.
O fenómeno Arenteiro medra e poucos se atreven a poñerlle teito. Na vila hai moita ilusión en pasar a eliminatoria ante o Atlético de Madrid, dez veces campión deste torneo. "Na Copa é onde se dan as sorpresas e aínda non houbo ningunha grande. A ver se a damos nós", comenta un home.
No Carballiño o Nadal pinta de verde. Escaparates, balcóns... ata os manteis dunha cafetería onde agardan un cheo para animar como se estivera no Espiñedo.
Silvia acariña o balón co que se vai xogar o partido, que está exposto na súa tenda.
Sete mundialistas pisarán Espiñedo. Probablemente non sexan dabondo.