A condutora que matou dous mozos en Ribeira di que non era consciente pola súa situación límite
Na vista de apelación ante o TSXG explicou que fuxía de malos tratos e tivera dous intentos de suicidio
A acusación particular e a Fiscalía piden a confirmación da sentenza
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolleu este luns a vista de apelación contra a sentenza que condenou a 12 anos e medio de prisión a condutora causante do accidente de Ribeira en que morreron dous mozos, en maio de 2019.
Pilar Fernández conducía baixo os efectos do alcol e fármacos a 130 km por hora, e nunha curva en Palmeira invadiu o carril contrario e bateu de fronte co coche en que viaxaban Abraham e Sara, causándolles a morte.
Este luns durante a vista de apelación asegurou que aquel día non era consciente pola súa situación límite, xa que segundo explicou fuxía de malos tratos e tivera dous intentos de suicidio.
Na súa intervención final, entre bágoas, a apelante pediu "perdón á familia" das vítimas e relatou que tivo "que escapar" porque o que entón era a súa parella maltratábaa xunto aos seus fillos.
"Fun ao psiquiatra porque me tentei suicidar dúas veces", engadiu e enviou unha última mensaxe ao tribunal: "Se teñen que castigarme, enténdoo", concluíu.
O xuízo no que foi condenada celebrouse en decembro pasado, con xurado popular. No seu veredicto declarárona culpable de dous delitos de homicidio doloso eventual. O xuíz condenouna a 12 anos e medio de prisión.
A defensa apelou a sentenza e na vista deste luns no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia intentaba lograr a súa nulidade. Argumentan que hai contradición nos feitos probados, respecto da afectación do consumo de alcol e fármacos na súa capacidade para conducir e na comprensión de que o que facía era ilegal.
Sontén o avogado da acusada que se aplicaron mal varias circunstancias atenuantes ou mesmo eximentes completas da responsabilidade penal. Cre que existe unha "contradición" ao considerar o xurado que "tiña plena capacidade para entender o que estaba a facer", pero que tamén tiña unha "afectación intensa" das capacidades para conducir.
"Non podemos entender como por esta vía se chega á cualificación de homicidio doloso", defendeu esta parte, que tamén asegurou que todos os casos similares acaban pola vía do homicidio por imprudencia.
Por iso, demandou que se considere que a condenada non era consciente dos seus actos, polo que non era penalmente responsable, ou polo menos se considere unha atenuante, mentres que engade ademais a atenuante de dilacións indebidas ao tratarse dun caso de 2019 e, así mesmo, demanda que se rebaixe de homicidio doloso a homicidio por imprudencia.
A acusación particular pediu a confirmación dunha sentenza pioneira en Europa por ter en conta o dolo eventual, que aseguran quedou probado.
O fiscal tamén pediu a confirmación da sentenza, mantendo que "a pesar de estar baixo ese estado desta situación, iso non afecta en ningún momento a súa capacidade de comprensión para entender o que estaba a facer".
"Non estaba en condicións de conducir, pero non tiña limitada a capacidade de comprensión das consecuencias dos seus actos", afirmou, e engadiu que, segundo o xurado, sabía dos riscos de invadir o carril contrario e circular a velocidade excesiva, polo que non ve contradición.