Educación traballa nunha volta ás aulas "o máis normal posible"
Máis de 300 docentes están de baixa e non poden comezar o luns as clases
Román Rodríguez asegura que se van substituír de "xeito inmediato"
A Consellería de Educación apura a informar os centros das medidas que deberán aplicar a partir do luns cando xurdan contaxios nas aulas, segundo establece o novo protocolo acordado co Goberno central o venres. Díxoo o conselleiro Román Rodríguez nunha entrevista na Radio Galega.
"Estamos nunha situación excepcional, moi complexa e difícil, ninguén o dubida, pero imos traballar para que a volta ás aulas, o retorno ao curso escolar, sexa o máis normal posible. Deixamos a mediados de decembro arredor de tres mil casos e estamos seguros de que haberá un incremento substancial o día dez".
Neste segundo trimestre a clase só se porá en corentena cando haxa polo menos 5 positivos ou estean afectados o 20 por cento dos alumnos.
Para a volta ás clases presenciais e con normalidade será necesario substituír máis de 300 docentes que non poden incorporarse ao traballo. Así o explicaba Román Rodríguez.
"O noso compromiso, e para iso estamos traballo nesa liña, é que haxa unha substitución inmediata, é dicir, que se cubran as baixas con profesores dun xeito inmediato".
En canto aos exames universitarios que se desenvolven este mes de xaneiro, dixo que o alumnado que por situación sanitaria non poida asistir ás probas, deberá ter a opción de facelas noutras datas.