A Comisión Europea comeza as negociacións das cotas de pesca para o próximo ano
A Comisión Europea comeza as negociacións das cotas de pesca para o próximo ano
En Galicia preocupa a proposta de rebaixar nun 28 % a cota de pescada no Gran Sol
Barcos parados nos portos do Mediterráneo en protesta pola proposta da Comisión Europea que pretende reducir un 79 % a actividade da frota do arrastre nesta zona. Na práctica a frota só podería traballar un total de 27 días ao ano.
"A proposta da Comisión Europea fai inviable economicamente a actividade pesqueira no Mediterráneo", valora Luis Planas, ministro de Agricultura.
O sector responde con protestas ante a sede da Comisión Europea en Madrid. Ademais de España, o recorte proposto conta coa oposición de Francia e Italia que traballan nunha alternativa conxunta.
"Medidas en materia de vedas, exclusión de zonas de pesca que foron posible e tiveron un resultado positivo", defende Luis Planas, ministro de Agricultura.
No caso do Atlántico, Galicia mira con preocupación a proposta de rebaixar nun 28 % a cota de pescada que prexudicaría portos como Burela e Celeiro. Desde o sector din que hai unha caída histórica do volume de peixe nas lonxas e piden estabilidade.
"Non pode ser que un ano se suban as cotas e ao ano seguinte baixen un 28 %. Así é imposible facer calquera planificación a nivel financeiro, laboral ou comercial" explica Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo.
Desde a Xunta de Galicia reclaman que se aplique o ditame do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que establece ao mesmo nivel a sostibilidade pesqueira e a social e económica para os territorios.
"As previsións de cotas non son positivas para Galicia. Hai que revertelas. Os estudos que lle achegamos ao goberno de España tan só no apartado da pescada sería un impacto negativo de 74 millóns de euros anuais. Polo tanto nada bo", di Alfonso Villares, conselleiro do Mar.
A parte positiva para a frota galega esta no bacallau coa reapertura en 2025 dun dos grandes bancos de Terra Nova despois de 32 anos pechado.