As folgas de autobuses e ferrocarril complicarán a mobilidade este mércores na provincia da Coruña
A CIG mantén a convocatoria de folga indefinida nos autobuses da Coruña desde este mércores
A Confederación Intersindical Galega mantén para este mércores a convocatoria de folga indefinida no sector do autobús na provincia da Coruña. Esta noite o sindicato convocou asembleas para explicarlles a decisión aos traballadores.
Manteñen o paro a pesar de que non o secundan nin a UXT nin Comisións, que decidiron suspender a súa participación á espera dunha nova xuntanza coa patronal este xoves. A semana pasada, os dous sindicatos asinaron un preacordo coas empresas que despois foi rexeitado polos traballadores.
O mantemento destas mobilizacións poden complicar a mobilidade na xornada do mércores na provincia coruñesa, xa que a folga que está a vivir o sector ferroviario tamén podería provocar novas cancelacións, atrasos e outras incidencias.
Neste caso tampouco hai unanimidade na parte sindical para apoiar os paros, e de feito tan so tres sindicatos minoritarios decidiron continuar con eles.
A patronal do transporte por estrada fala de desinformación
As empresas do sector do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña vincularon coa "falta de información" ou a "desinformación" o rexeitamento maioritario de traballadores e traballadoras ao preacordo sobre o convenio subscrito por CCOO e UXT e que a CIG non asinou por entender que inclúe "avances mínimos".
Nun comunicado, e en referencia á reunión mantida onte -- o xoves convocarase outra aínda que a CIG mantén a súa convocatoria de paro indefinido desde este mércores --, afirma que "coa reactivación da negociación colectiva do sector de transporte de viaxeiros en autobús da provincia da Coruña, as organizacións empresariais entenden que onte se puxo de manifesto" esta "falta de información".
"Na reunión cos sindicatos de onte volveron examinarse un a un os distintos asuntos que había sobre a mesa co obxectivo de evitar novas interpretacións confusas ou inadecuadas", engade.
"Deste xeito, no difícil contexto actual, nos últimos 7 anos o sector sufriu un incremento de custos dun 8,4%, o preacordo supoñería para o conxunto de traballadores do sector un incremento salarial do 22,1%, 15,3% entre os anos 22 a 24, 3,4% para o 2025 con efectos retroactivos e 3,4% con revisión do IPC real para o 2026".
A maiores, recalca, "o documento inclúe propostas para o fomento da xornada continuada, cun plus de 8 euros diarios, a redución da xornada anual ás 1.800 horas, dous días de asuntos propios, plus de dispoñibilidade horaria para servizos discrecionales do 60% do salario base, plus de absentismo de 1.000 euros anuais, acumulación do permiso de lactación en 17 días continuados", cita, entre outras cuestións.
"A vontade da patronal é hoxe aclarar todas as cuestións dubidosas ou interpretadas erroneamente a través da central CIG, con absoluta vontade de diálogo e confiando en que ninguén caia no erro de querer impoñer o seu criterio".
Por outra banda, as asociacións empresariais sinalan que a negociación colectiva "é algo dinámico e que en breve se iniciará a do convenio para o 2027".