A cifra de españois mortos en Venezuela elévase a nove
A última cifra de desaparecidos é de 131 persoas e 14 vítimas que aínda non foron rescatadas de debaixo dos cascallos
A Unidade Militar de Emerxencias conseguiu rescatar dúas persoas con vida e os bombeiros de Madrid outras tres
O Ministerio de Exteriores emitiu este domingo un último balance sobre a situación das vítimas españolas e elevou a 9 a cifra de falecidos a consecuencia dos dous terremotos do mércores.
A última cifra de desaparecidos é de 131 persoas e 14 vítimas que foron localizadas seguen debaixo dos cascallos porque os servizos de rescate aínda non puideron chegar ata elas.
O ministerio español insiste en que todas as liñas de emerxencia consular, que se poden consultar nas redes sociais do ministerio e da embaixada en Caracas, están abertas e pídeselles aos españois en Venezuela que as utilicen.
Novo rescate da UME
A UME conseguiu este sábado rescatar dúas persoas de entre os cascallos na zona residencial Vistamar, na Guaira, ao norte de Caracas.
As vítimas permaneceran case 72 horas atrapadas nos edificios destruídos polos terremotos na zona residencial Vistamar da Guaira, ao norte da capital. Na zona están traballando 59 efectivos que participan no operativo de emerxencia.
O outro equipo de rescate español que traballa no lugar, composto por corenta efectivos do Equipo de Emerxencia e Resposta Inmediata da Comunidade de Madrid tamén conseguiu rescatar o sábado tres persoas, un ancián e os seus netos.
O avión militar enviado a Venezuela volve con 96 repatriados
A aeronave que voou hai tres días a Venezuela cos efectivos da UME e co Equipo de Emerxencia e Resposta Inmediata da Comunidade de Madrid retornou este domingo con 96 persoas repatriadas de oito nacionalidades, 76 delas españolas.
Segundo confimou o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, ademais dos españois no avión voaron 20 persoas de Francia, Italia, Portugal, Bélxica, Eslovaquia, Venezuela e Arxentina.