O condutor dun turismo morre tras caer por un desnivel en Triacastela
O falecido saíu despedido varios metros tras o impacto
O accidente produciuse á altura da parroquia de Lamas do Biduedo
Imaxe de arquivo
O accidente produciuse na LU-637, á altura do quilómetro 3, ao seu paso por Lamas do Biduedo.
O condutor dun turismo perdeu a vida este sábado tras sufrir unha saída de vía no concello de Triacastela. O vehículo precipitouse por un desnivel de varios metros.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que alertou do sucedido ás 20:00 horas e informou de que o turismo saíra da vía e caera por un desnivel de varios metros.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención dos Bombeiros de Sarria, da Garda Civil de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil. Pola súa banda, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron que no vehículo só viaxaba o condutor, que saíra despedido varios metros tras o impacto. A pesar dos esforzos do persoal sanitario por reanimalo, nada se puido facer por salvarlle a vida.
🔴 #AXEGAInforma do falecemento dunha persoa tras unha saída de vía en Triacastela.
— 112 Galicia (@112Galicia) June 28, 2026
📍 LU-637, km 3, ao seu paso por Lamas do Biduedo.
➡️ No vehículo viaxaba unicamente o condutor.
🚨 Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Sarria, @guardiacivil e Protección Civil. pic.twitter.com/CZcgOEKyfi