Publicador de contidos

Publicador de contidos

Á caza dos licores dos destilados ilegais, unha ameaza de saúde pública

Á caza dos licores dos destilados ilegais, unha ameaza de saúde pública

Augardentes e licores que imitan os caseiros elabóranse en naves clandestinas, sen medidas de salubridade

O metanol aumenta os efectos do propio alcol, con efectos e resacas máis potentes

G24.gal 23/04/2026 14:35

É un costume tan noso: augardente da casa, licor de herbas, café ou guindas... Con esa aparencia, pero outras intencións, trabállase nos almacéns clandestinos.

"Cometemos un erro de facto que é relacionar que sexa unha elaboración clandestina con que sexa caseira porque son destilados en garaxes, en naves, nunhas condicións de salubridade moi escasas, por non dicir ningunha", explica Xoán Pouso, sarxento xefe da Patrulla Fiscal de Vilagarcía de Arousa

A Garda Civil ándalles detrás, por un problema fiscal, de non pagar impostos, pero sobre todo por saúde pública. A saber que leva ese licor!

"É un alcol que non pasa os controis de seguridade. Pode ser que estea rebaixado con auga, que sería a opción menos mala pero moitas veces ven rebaixado con substancias tóxicas, como pode ser o metanol. Provoca unha intoxicación como a do alcol pero con menos cantidade e uns efectos máis difíciles de tratar", advirte Natalia Pérez, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.

Véndese, sobre todo a particulares. Na hostalaría, foron tempos..., agora andan con máis tento. 

"Un mito. Eu nunca o tiven aquí. Nunca me ofreceu ninguén alcol irregular. Pode haber augardente ou licor café en sitios puntuais", asegura José Diz, propietario do Dux de Sanxenxo.

"Hoxe en día xa é moi difícil atopalo en establecementos de cara ao público", coincide o Sarxento xefe da Patrulla Fiscal de Vilagarcía de Arousa.

Que hai logo do que coñecemos como garrafón? 

"O que notamos en canto o tomamos porque xa dicimos que o alcol é malo, é dor de cabeza máis intenso que o que se ten por alcol, dor de barriga, náuseas, notamos que sobe máis rápido", sinala a especialista en medicina familiar.

"Hai que apelar á colaboración da cidadanía para que nos avise se hai un alcol que ofrece dúbidas", insiste o sarxento Pouso.

Pero habelos hainos. Os menos, residuais, pero con vítimas elixidas. 

"Moitas veces vai destinado á xente máis inexperta, como son os menores, que buscan emborracharse rápido. Con eses alcoles conségueno fácil pero con máis dano para a saúde física e tamén mental", alerta Natalia Pérez.

As autoridades animan a denunciar estas prácticas para recoller mostras e os propios hostaleiros piden controis habituais, que hoxe por hoxe non se están facendo.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade