A catedral de Santiago súmase á celebración do Día Mundial dos Museos
Organizou visitas guiadas e o acceso libre á colección permanente do seu museo
A colección permanente do museo da catedral de Santiago espállase ao longo de catro andares e acolle un patrimonio importante. Hai salas dedicadas ás orixes e á construción da basílica, capelas cheas de reliquias, tapices...
"A parte do Mestre Mateo é espectacular e que naquela época xa se pensara en tantos detalles é digno de ver", di unha visitante.
"Realmente é un lugar moi lindo toda esta parte. É a primeira vez que o vexo e encantoume", afirma outra.
Moitos visitantes aproveitaron o acceso gratuíto polo Día Internacional dos Museos para coñecelo ou mesmo para volver gozar del.
"Aínda que xa o coñecemos, sempre presta ver estes espazos tan cheos de arte e de historia", subliña unha parella residente na capital galega.
"Non sei o turista, pero os peregrinos emociónanse moitísimo", asegura unha muller que vai a diario á catedral.
Os que se achegaron sen saber que era un día especial para os museos, agradeceron a sorpresa de entrar de balde.
Demos tamén con xente que estaba sacando rendibilidade ao día de museos gratis e chegaba ao da catedral tras percorrer xa algún outro.
"Este é hoxe o noso terceiro", confesaba unha turista.
Ademais de abrir de balde o museo este domingo, a catedral de Santiago organizara nos días previos visitas guiadas ao Panteón Real e á igrexa de San Martiño Pinario para conmemorar a celebración.