Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Casa Grande de Xanceda inaugura o seu ecolabirinto "terrorificamente natural"

A Casa Grande de Xanceda inaugura o seu ecolabirinto "terrorificamente natural"

Facemos o deseño adaptado ao noso terreo e logo un programa informático indícalle ao tractor onde ten que sementar e onde non

G24.gal 06/09/2023 14:41

Desde o aire, resolver o percorrido correcto do ecolabirinto con forma de morcego parece doado, pero desde o chan, a perspectiva cambia. Este ano na Casa Grande de Xanceda, en Mesía, póñeno algo máis difícil. Os camiños están cheos de pistas reais e enganosas e de retos.

"O primeiro reto é encontrar o millómetro, o segundo reto é o conseguido e o terceiro, para aventureiros, é ir adiviñando as distintas preguntiñas que lles facemos aos nenos", conta Lidia Dosil, do equipo de Mercadotecnia da Casa Grande de Xanceda. 

Na granxa elixiron a forma de morcego por varias razóns. 

 "O morcego porque queriamos facerlles unha homenaxe a estes animaliños que, pouca xente o sabe, pero son superimportantes na agricultura ecolóxica porque loitan contra insectos e pragas. A nós gústanos dicir que son polinizadores da quenda de noite, fan a remuda ás abellas e hai especies que só se reproducen grazas aos morcegos porque de noite levan o pole no seu corpo"

Deseñar este morcego levou o seu tempo e, para facelo realidade, recorreron á tecnoloxía punta.

"O ecolabirinto está deseñado con agricultura de precisión. Facemos o deseño adaptado ao noso terreo e logo un programa informático indícalle ao tractor onde ten que sementar e onde non. Así vai facendo os labirintos e os camiños. Nós non temos que cortar, só perfeccionar un pouco o deseño"

Calquera que o desexe, nenos e maiores, pode enfrontarse a este reto terrorífico. Iso si, previa cita e antes de que corten o millo, porque dentro de pouco servirá de alimento para as vacas desta granxa ecolóxica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade