A carreira solidaria de policías e gardas civís chega a Ourense
A carreira solidaria de policías e gardas civís chega a Ourense
Recadan fondos para investigar unha enfermidade rara que afecta un de cada 30.000 cativos
Van percorrer 7.000 quilómetros, por remudas, ao longo de toda España
Manuel Santeiro, garda civil, chega á remuda de Godás do Río, no Carballiño, con case tres horas acumuladas de antelación. A carreira solidaria está a demostrar a boa forma física dos corpos de seguridade.
"O tramo foi bastante accesible porque é todo baixada. Ademais, viñeron os compañeiros de Tráfico dando seguridade. Tan pronto como me dixeron que era un reto solidario, non puiden dicir que non. Sempre me apunto", explica.
En Ourense apuntáronse unha trintena de persoas, entre atletas e apoio loxístico. Corren de dous en dous, dez quilómetros por etapa. Todos movidos pola mesma motivación: darlle visibilidade á síndrome de inversión duplicación do cromosoma 15Q, unha enfermidade rara que afecta un de cada trinta mil cativos e que ocasiona trastornos severos no desenvolvemento, tanto físico coma intelectual.
"Que saia nos medios de comunicación. Temos paralelamente unha recadación de fondos para intentar achegar un gran de area desde os corpos e forzas de seguridade do Estado", di Javier Barja, tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.
A asociación StarSpain de policías e gardas civís é a que promove este reto. Empezaron o 4 de marzo en Madrid e vai pasar por todas as capitais de provincia, coa participación dos axentes locais de cada corpo.
"Darlle visibilidade a esta enfermidade correndo, que é unha das miñas afeccións, branco e en botella. É fácil colaborar neste tipo de eventos", asegura José Dacal, policía nacional.
"Ademais, é solidario e como corpos e forzas de seguridade que somos, estamos sempre a prol deste tipo de actividades", engade Hugo Juste, garda civil.
Levan percorridos máis de catro mil quilómetros, e o obxectivo é chegar aos 7.000, o que lles outorgaría, tamén, un récord Guinness.