A carne de porco española será a que teña os aranceis chineses máis baixos de toda a UE
A China anuncia aranceis de ata o 19,8 % ao porco europeo durante 5 anos
Desde a Federación Galega de Porcino celebran que A China non penalice tanto a España
O anuncio do Ministerio de Comercio da China de aplicar ata case un 20 % de aranceis á carne de porco procedente da Unión Europea é un novo golpe a un sector tocado xa pola peste porcina africana. Con todo, España é o país que sae mellor parado.
"En xeral saíu bastante ben parada. Litera Meat, que é practicamente o matadoiro máis grande de Europa, que está en Huesca, ten soamente un 4,9 % de arancel, que con respecto ao que teñen os alemáns, que é un 20 %, pois a verdade que é bastante pouco", explica Pablo Meijomín, presidente da Federación Galega de Porcino, FEGAPOR.
Pero a que responde esta suba de aranceis tan desigual?
"Nós entendemos que a estratexia da China, agora mesmo, por un lado é facer presión polo tema dos coches eléctricos e por outro lado é cambiar as compras que está facendo na parte de Centroeuropa e empezar a comprar en España".
E é que os prezos en España son dende hai 15 días máis competitivos. O prezo da carne baixou 26 céntimos. Pero non é a única razón.
"Temos a carne coa mellor rastrexabilidade de Europa, as mellores industrias de Europa e agora mesmo é o mercado no que queren mercar, por iso puxeron os aranceis máis baixos", apunta Meijomín.
Galicia produce ao ano máis de 3 millóns de porcos, uns 60.000 cada semana. Nestes 15 días de crise leva perdido xa entre 3 e 4 millóns de euros.