A capela de San Fernando da Adoración Perpetua, pendente da elección do novo papa
Un nutrido grupo de fieis asegúranse de que o lugar estea aberto 24 horas ao día
En todo o mundo, milleiros de fieis están pendentes do que acontece en Roma e á espera de saber se teremos novo papa nas vindeiras horas. Tamén aquí, en Galicia, hai comunidades especialmente pendentes, como a parroquia de San Fernando, en Santiago. Alí contan cunha capela singular, aberta as 24 horas do día, grazas ao compromiso dun grupo de voluntarios que se organiza en quendas durante os 365 días do ano.
En pleno Ensanche compostelán é onde se creou hai 5 anos a capela de Adoración Perpetua grazas á iniciativa de 3 amigos farmacéuticos. Hoxe son 265 voluntarios que se organizan en quendas dunha hora de duración. Día e noite, chova ou quente o sol. Tamén os días de apagada total ou nestes momentos en que toda a comunidade católica mundial está pendente de quen será o sucesor do Papa Francisco.
José María Pintos, o sacerdote, confesa que cando lle comunicaron a idea, ao principio receou un pouco porque supoñía ter ao Santísimo exposto todo o día, e que tiña que haber unha vixilancia.
Un receo inicial que axiña desapareceu. A organización é clave para que todo funcione, e diso dan conta este cuadrante semanal e un libro de quendas.
Dous adoradores, Loli e Santi, cóntannos que fan quendas de madrugada e é duro pero gratificante.
Un sacrificio que non entende de idade: hai adoradores que van dos 5 anos da máis nova aos máis de 90 do veterano.
Nin o apagamento deixou na casa os adoradores que tiñan quenda aquel día.
Rosa Vázquez, fundadora do grupo e coordinadora, conta o especial que foi o día do apagamento, coa capela aberta todo o tempo. Unha das adoradoras é unha muller que vive nun sétimo e que non faltou á súa obriga a pesar de ter que subir e baixar da casa a pé.
A vocación do grupo é seguir sumando adoradores para que non quede ningunha hora sen cubrir. En persoa, por teléfono ou ata por redes sociais é posible unirse a esta casa de portas abertas.