Fumata negra na primeira votación despois de máis de tres horas de conclave
Os cardeais volverán reunirse este xoves pola mañá para realizar dúas votacións máis
O cardeal decano pide a elección do "papa que a humanidade necesita neste momento tan difícil"
O estrito cerimonial do conclave que elixirá o sucesor de Francisco
Cobertura especial dos medios públicos da elección do novo papa

Como era de agardar, a primeira votación para elixir o sucesor do papa Francisco rematou cunha fumata negra. Minutos despois das nove da noite, cando pasaban máis de tres horas desde o inicio do encerro dos cardeais e cun retraso dunha hora e media sobre o horario previsto, o fume da cheminea do Vaticao anunciáballes os milleiros de persoas concentradas na Praza de San Pedro que ninguén obtivo os votos necesarios para ser o novo pontífice.
Máis de 30.000 persoas agardaban na Praza de San Pedro o resultado da primeira votación do conclave para elixir o sucesor do Papa Francisco. Nada máis aparecer o fume negro, escoitáronse algúns aplausos e tamén algunha expresión de decepción tras preto de tres horas de espera.

Os cardeais volverán reunirse este xoves pola mañá para realizar dúas votacións máis e no caso de que ningún cardeal obteña os dous terzos do votos, sairá a segunda fumata negra sobre as 12:30 horas. Neste caso, pola tarde, volverán encerrarse na Capela Sixtina onde terán lugar dous escrutinios máis, ao final dos cales, se ningún resulta positivo, sairá a terceira fumata negra.
Se, pola contra, nalgunha das votacións deste xoves algún cardeal consegue a maioría cualificada de dous terzos (89 votos) entón a fumata branca poderíase adiantar e saír, ou ben a partir das 10:30 e das 12:30 horas, pola mañá, e sobre as 17:30 horas ou as 19:00 horas, pola tarde.
Unha longa xornada
Os 133 cardeais que deberán elixir o sucesor do papa Francisco encerráronse este mércores na Capela Sixtina para empezar o conclave, despois de que o mestre ceremoniero pechase oficialmente as súas portas.
O mestre de Celebracións Litúrxicas, Diego Ravelli, pronunciou a fórmula en latín, "Extra omnes" (Fóra todos), para pedir a todo aquel alleo ao conclave que abandonase a capela.
Os portóns de madeira da Capela Sixtina, custodiados por dous gardas suízos con alabardas, foron pechados por Ravelli ás 17.46 horas (15.46 GMT).
Pasadas as catro e media da tarde, os cardeais convocados a este conclave accedían á Capela Sixtina, onde se encerraron para o conclave que elixirá o 267 papa da historia da Igrexa Católica nunha primeira votación en busca do sucesor de Francisco.
Estaban convocados ás 16:15 hora local na Capela Paulina do Palacio Apostólico para unha oración inicial oficiada polo secretario de Estado, Pietro Parolin, primeiro dos cardeais bispos, pois o decano do colexio cardinalicio, Giovanni Battista Re, é maior de 80 anos e non pode participar no conclave.
Antes da procesión, Parolin lembroulles en latín que entrarán en conclave "para elixir o Romano Pontífice e que toda a Igrexa está unida a eles en oración invoca a graza do Espírito Santo para que sexa elixido un digno pastor do rabaño de Cristo".
Despois comezou a procesión, encabezada por unha cruz, seguida dos membros da Capela Musical Pontificia, algúns prelados e os cerimonieiros, así como o Mestre das Celebracións Pontificias, Diego Ravelli, e o pai Raniero Cantalamessa.

A procesión saíu da Capela Paulina, que recibe o seu nome do papa Paulo III, quen cara ao ano 1540 encargou a súa construción e que conta con dous impoñentes frescos de Miguel Ángel - 'A conversión de San Pablo' e 'A Crucifixión de San Pedro'- ata chegar á Sixtina, atravesando a Sala Rexia.
Tamén alí os cardeais electores concelebran a misa 'De Spiritu Sancto' todos os días do conclave para invocar a axuda de Deus.
Logo desfilaron entoando as ladaíñas e o canto Veni Creator de invocación do Espírito Santo ata o seu peche na Capela Sixtina.
Os cardeais foron entrando nesta monumental capela e xuraron sobre o Evanxeo.

"O papa que a Igrexa e a humanidade necesitan"
O decano do colexio cardinalicio, Giovanni Battista Re, pediu que "sexa elixido o papa que a Igrexa e a humanidade necesitan neste momento da historia tan difícil e complexo".
A petición fíxoa este mércores na misa pro eligendo pontífice, que se celebra ante os 133 cardeais electores na basílica de San Pedro, antes de pecharse na Capela Sixtina. Ao acto acudiron tamén outros prelados católicos e arredor de 5.000 fieis.
"Estamos aquí para invocar o auxilio do Espírito Santo, para implorar a súa luz e a súa forza, a fin de que sexa elixido o papa que a Igrexa e a humanidade necesitan neste momento da historia tan difícil e complexo", dixo Re.
O decano recordou aos cardenais que ante a decisión á que se enfrontan deben "abandonar calquera consideración persoal, e ter na mente e no corazón só a Deus e o ben da Igrexa e da humanidade".
Re fixo ademais unha chamada á unidade da Igrexa, matizando que "unidade que non significa uniformidade, senón unha firme e profunda comuñón na diversidade, sempre que se manteña en plena fidelidade ao Evanxeo".
Un xesto de Re durante a misa causou balbordo, despois de que se dirixise ao secretario de Estado, situado á súa dereita no altar, e dixéselle, separado do micrófono: "Sorte por partida dobre" (auguri... doppi), entre sorrisos.
O vídeo correu como a pólvora nas redes sociais e nos medios italianos, especulando con posibles interpretacións: estes bos desexos poden ser polo rol de Parolin dentro do conclave, encargado de dirixilo, ou ante a eventualidade de que sexa elixido.
Entre os principais papables figuran o poderoso Parolin e o cardeal filipino Luis Antonio Tagle, sen esquecer ao sueco Anders Arborelius, o xesuíta luxemburgués Jean-Claude Hollerich e o maltés Mario Grech, ademais de nomes novos listos para dar a sorpresa, como o estadounidense Robert Francis Prevost.

As fumatas
O resultado de cada votación é comunicado ao mundo exterior co fume da cheminea colocada no alto da capela: se é de cor branca, significará que se elixiu un novo papa; se é negro, é que non houbo acordo e o conclave continuará.
Os cardeais votarán encerrados na Sixtina catro veces ao día: dúas pola mañá e dúas pola tarde. Pola noite durmirán na Casa Santa Marta e outro edificio próximo, e non poden abandonar o territorio vaticano nin ter comunicación co exterior.
Só dous papas foron elixidos o primeiro día
A elección papal máis curta da historia da Igrexa tivo lugar en 1503, cando resultou elixido Julio II, ao que lle segue o que se celebrou en 1939, coa elección de Pío XII. En ambos os casos, houbo 'fumata' branca no primeiro día do conclave.
Así, o récord do conclave máis curto é de 1503, cando resultou elixido Della Rovere, o Papa Julio II, unha cita que durou apenas 10 horas.
No século XX, o cardeal italiano Eugenio Pacelli, Pío XII, obtivo o 2 de marzo de 1939 a maioría necesaria para a súa elección na terceira rolda de votacións do mesmo día en que se inicio a reunión.