Inaugúrase no río Verdugo un viveiro natural de troitas
Un cento de troitas para repoboar o Verdugo
A solta controlada fíxose nun viveiro natural instalado ao carón da praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas
"Botámolas outros anos e non nos funcionou moi ben, algunha claro que vai arriba, pero non funcionaba moi ben. Soltámolas e aos dous días non se ve unha troita das que se botaron en ningún lado", explica Santiago Pérez, delegado de Pesca de Verdeseixo.
Soltas controladas de troitas no río Verdugo fanse varias ao longo do ano, sobre todo cando se achega a Festa Gastronómica da Troita en que celebran tamén os campionatos de pesca. Pero os pescadores non estaban satisfeitos cos resultados. Levaban anos demandando un viveiro natural para que os peixes se fosen aclimatando á temperatura da auga antes de chegar ao río e, por fin, conseguírono.
"Era un obxectivo que hai ano levaba eu na cabeza porque tiñábamos sempre problemas coas soltas das troitas, penso que pola temperatura da auga ou así, pois non nos paraban no río, e entón agora témolas aquí neste viveiro unha temporada e unha vez que se aclimaten aquí pois abrímoslles", apunta Lino Mariño, presidente da Sociedade de Pesca e Caza Verdeseixo.
O viveiro instalouse nunha canle antiga en desuso que hai anos abastecía unha presa eléctrica e un muíño. Está situada fronte á praia fluvial da Calzada que foi a primeira de toda España en conseguir unha bandeira azul, galardón que este ano volve recibir. As troitas permanecerán no viveiro uns 15 días.
"Metémolas aí, que se aclimaten e uns días antes da Festa da Troita para que se poidan entreter os rapaces, xubilados, sénior e todo, pois abrímoslles", conta o delegado de pesca.
Abrirán as comportas para que unha vez adaptadas á auga do río sigan o seu curso natural de vida. En total soltaron un cento de exemplares. O obxectivo é que poidan asentarse e repoboar este río de sempre troiteiro. Na mente dos pescadores xa está o novo proxecto, facer a carón deste viveiro unha zona de alevinaxe.