Os 133 cardeais electores volven á Capela Sixtina tras o primeiro fume negro
Unha vez na capela Sixtina, os purpurados rezarán primeiro a Liturxia das Horas e inmediatamente despois comezará a segunda votación
A Constitución Apostólica que rexe todo o proceso establece que nos tres primeiros días se celebrarán dúas votacións pola mañá e dúas pola tarde, con dúas fumazas ao día

O conclave para elixir o sucesor de Francisco entra este xoves no seu segundo día, no que os cardeais electores volven á Capela Sixtina para proceder á elección do sucesor de Francisco, despois da primeira fumaza negra deste mércores. Os 133 cardeais electores sairon ás 07:45 horas da residencia de Santa Marta, na que se aloxan durante o conclave, para dirixirse á Capela Paulina, que se atopa a case un quilómetro de distancia en minibuses ou a pé.
Na Capela Paulina concelebran misa antes de volver entrar na Sixtina, distante poucos metros, ao redor das 09:30, hora local. Unha vez na Capela Sixtina, os purpurados rezarán primeiro a Liturxia das Horas e inmediatamente despois comezará a segunda votación, despois de que a primeira, realizada pola tarde de onte mércores, concluíse en fume negro ás 21:00 hora local cun importante atraso sobre o horario previsto.
A Constitución Apostólica, que rexe todo o proceso, establece que nos tres primeiros días se celebrarán dúas votacións pola mañá e dúas pola tarde, con dúas fumazas ao día, que se prevén ás 12:00 horas e pola tarde, cara ás 19:00. Aínda que se na primeira votación da mañá se logra elixir papa, é dicir, que un nome alcanzou a maioría de dous terzos, será anunciado ao mundo mediante o fume branco ao redor das once da mañá, e se non é así pasará ao segundo, sen queimar as papeletas. Do mesmo xeito que pola tarde, que en caso de que os cardeais se poñan de acordo no primeiro escrutinio, o fume branco podería chegar ao redor das 17:00 horas.
Segundo a normativa vaticana, para ser elixido papa son necesarios dous terzos dos votos. Ao seren 133 os cardeais electores, o elixido necesita, como mínimo, 89 votos. O forte atraso deste mércores puido deberse a unha longa meditación antes do voto do cardeal Raniero Cantalamessa, pero tamén é necesario máis tempo para as votacións, xa que son 18 cardeais máis que no conclave en que se elixiu papa a Jorge Bergoglio.