A borrasca Emilia deixa momentos de caos en Badalona
Acumuláronse máis de cen litros por metro cadrado, que obrigaron a pechar o metro e colapsaron a circulación por estrada
Tamén estiveron moi pendentes do ceo en Catarroja, Valencia, ao reviviren o recordo do ano pasado
Badalona levou a peor parte do paso de Emilia polo Levante. Con acumulacións de ata 120 litros por metro cadrado, viviron unhas horas de auténtico caos.
"Toda a cidade inundada, inundada", comenta un veciño de Badalona gravando a estrada chea de auga.
"Estannos desaloxando. Están caendo partes do teito", di unha muller mentres grava co móbil a caída do teito.
Inundacións en centros comerciais, baixos, garaxes e nas rúas, colapsadas polo tráfico en hora punta, a do retorno ao fogar ao final do día.
Os sumidoiros non daban evacuado toda a auga caída, que baixaba coma torrentes nalgunhas zonas. Ata o servizo de metro se viu afectado pola acumulación de auga nas vías que obrigou a interrupcións temporais nas liñas.
Os servizos de emerxencias atenderon máis dun milleiro de chamadas, o 80 por cento na comarca do Barcelonés e especialmente en Badalona, pero tamén houbo precipitacións significativas no resto do litoral mediterráneo.
Catarroja
Na comunidade valenciana pasaron momentos de angustia ao reviviren o ano pasado.
"Con moito medo porque, á mínima, parece que volve todo outra vez", confirma unha veciña.
Co paso das horas ían volvendo á normalidade pero segue habendo avisos da AEMET por precipitacións e por treboadas na costa mediterránea.