A borrasca Claudia mantén en aviso as provincias de Pontevedra e da Coruña
Prevense acumulacións de quince litros por metro cadrado nunha hora e de 60 en doce horas
Hai cinco ríos en observación por posibles desbordamentos
A borrasca Claudia segue incidindo en Galicia. A AEMET mantén en aviso amarelo a provincia de Pontevedra e boa parte da da Coruña pola chuvia. Prevé precipitacións de 15 litros por metro cadrado nunha hora e acumulacións de ata 60 litros en doce horas. As chuvias poden ir localmente acompañadas de tormenta e sarabia.
En Fornelos de Montes, unha das localidades onde caeu máis auga estes días, veciños e visitantes confirman que esta noite tamén descargou con intensidade.
"Pasamos a noite aquí e houbo moita chuvia e moito vento. Tampouco demasiado pero bastante temporal", explica un gaditano.
"É o que toca. Non estamos no inverno?", pregunta retoricamente un veciño.
"Chove de sempre, pero a verdade é que agora os invernos son máis cálidos e con máis auga", opina outro.
Por poñer exemplos da auga caída, onte recolléronse máis de 78 litros por metro cadrado no Rosal e hoxe tamén hai acumulacións importantes mesmo fóra das zonas en aviso, como Baltar, en Ourense, con máis de 41 litros.
A Xunta mantén activado desde o luns, en fase de preemerxencia, o plan especial por risco de inundacións. O foco está posto no río Lérez, en Pontevedra; no Miñor, en Gondomar; no Cabeiro, en Redondela; no Oitavén, en Soutomaior; e no Xallas, en Santa Comba, onde recollemos estas imaxes.
"O río saíu do leito pero noutros sitios saíu máis", afirma un veciño.
"Nós viñemos para estar catro ou cinco días por aquí e a verdade é que nos mollamos bastante, pero esta terra é preciosa, comemos moi ben e estivemos moi ben", conta un turista.
Ademais de por chuvia, parte do litoral da Coruña e toda a costa de Pontevedra teñen aviso amarelo por mar combinado con ondas de catro a cinco metros.