A borrasca Barra pasa por Galicia sen grandes incidencias
Todo o litoral queda en aviso laranxa para este mércores
Nas montañas do interior os refachos poden superar os 80km/h
Este martes as ondas chegaron a superar os 6 metros
O aviso laranxa permanecerá este mércores en toda a costa galega por mor de ondas que poden acadar entre 6 e 8 metros e por fortes refachos de vento.
Nas montañas do interior, o aviso amarelo marca tamén fortes ventos que poderían superar os 80 kms/h, ademais dunha capa de neve previsible por riba dos 5 centímetros.
Paso da borrasca Barra por Galicia
Todo o litoral galego estivo en aviso laranxa por fortes ventos e ondas que superaron os 6 metros nalgúns puntos. Os efectos do temporal Barra deixáronse notar na costa, onde case a totalidade da frota permaneceu amarrada.
Ademais, ata as tres da tarde, o interior das provincias atlánticas tamén estivo en aviso amarelo por vento, con refachos de máis de 90 quilómetros por hora e precipitacións abundantes. Nalgúns puntos recolléronse máis de 50 litros por metro cadrado.
A chuvia e o vento remitiron durante a tarde, pero este foi un día complicado no sueste da Coruña e no interior da provincia de Pontevedra. Foi unha xornada de chuvasqueiro e de paraugas, cando o vento permitiu empregalo.
Afortunadamente non houbo que lamentar incidencias graves, pero os servizos de emerxencias tiveron que traballar por caídas de árbores, balsas de auga en diferentes estradas ou inundacións. A borrasca tamén obrigou ao desvío dalgún voo no aeroporto de Peinador.

Incidencias polo mal tempo
Unha xornada desapracible en Pontevedra e na Coruña. Ata as tres da tarde a borrasca deixou no interior das provincias atlánticas chuvia intensa e fortes refachos de vento. Moitos foron os paraugas que non resistiron. Non estamos aínda no inverno pero esta é a primeira borrasca forte que trouxo o outono.
Non estragou os plans dalgúns pero en Vigo conseguiu que algún voo non puidera aterrar en Peinador e ameazou o transporte marítimo da ría que finalmente non tivo que cancelar o servizo.
No interior da Coruña e de Pontevedra houbo caídas de árbores e inundacións pero sen danos persoais. Ás tres da tarde a fronte comezou a retirarse e mesmo puidemos ver o sol. Mellor que non importe porque polo menos ata o xoves seguiremos notando os efectos colaterais da borrasca con xornadas máis frías.
Temporal no mar
Gaivotas en terra e mariñeiros, pois en terra tamén. Cando o mal tempo non permite ir ao mar, sempre hai cousas que facer nos chabolos. A primeira cicloxénese explosiva do outono ,a borrasca Barra, que chega de Irlanda, está complicando a campaña de Nadal para os mariñeiros.
O aviso laranxa no mar por ondas era para as Rías Baixas, a Costa da Morte e todo o litoral da provincia da Coruña. E aviso amarelo por vento.
O vento en terra pode chegar aos oitenta quilómetros á hora. Na costa, os refachos serán de forza sete e oito. O primeiro temporal de decembro mantivo as praias pechadas na Coruña.