A biopsia líquida é cada vez máis sensible detectando o cancro cando circula polos fluídos do organismo
A biopsia líquida é cada vez máis sensible detectando o cancro cando circula polos fluídos do organismo
Santiago é referencia neste campo e hoxe celebra o seu XI Simposio Anual de Biopsia Líquida, coa presenza de figuras internacionais da oncoloxía de precisión
É un tipo de biopsia minimamente invasiva, baseada na análise dos fluídos do corpo humano, e con resultados óptimos para detectar o cancro en estadios moi iniciais. E son xa once anos reunindo en Santiago expertos nesta técnica, de todas as partes do mundo.
O XI Simposio sobre biopsia líquida é unha posta en común dos avances, dun método que é cada vez máis sensible para detectar a información do cancro cando circula polos distintos fluídos do organismo, porque ás veces, o sinal en sangue é moi baixo.
"Temos unha charla enfocada en como o estudo da bile, outro fluído alternativo, nos pode axudar a detectar tumores pancreáticos ou hepáticos", explica Laura Muinelo, a responsable da Unidade de Biopsia Líquida de ONCOMET.
Apoiada agora pola rapidez de procesamento de datos que ofrece a intelixencia artificial, a biopsia líquida é especialmente útil para detectar a enfermidade mínima residual para saber se tras unha cirurxía de aparentemente éxito, quedan no organismo células tumorais que puidesen provocar unha recaída.
"Imos seguir insistindo en que é necesario aumentar e acelerar a introdución na enfermidade mínima residual e no simposio deste ano vanse presentar resultados asombrosos, nunca antes vistos con outras técnicas", dixo Rafael López, o presidente de ASEICA, director científico do simposio e xefe de oncoloxía do CHUS.
Un congreso onde a clase médica reivindica tamén máis investimento en investigación e un aumento no uso clínico desta técnica ligada á oncoloxía de precisión.