A baixa humidade das masas forestais eleva o risco de incendios nos montes galegos
Os veráns cada vez máis cálidos e secos elevan o risco de incendios
Ata finais de verán a Xunta estableceu unha serie de normas que se aplican en aqueles concellos en que o índice diario de risco de incendio é moi alto ou extremo
O mapa do risco de incendios en Galicia vaise actualizando diariamente segundo estas variables: o tempo que leva sen chover, a velocidade do vento e as altas temperaturas
Ata finais de verán a Xunta estableceu unha serie de normas que se aplican a aqueles concellos en que o índice diario de risco de incendio sexa moi alto ou extremo.
Medidas como restrinxir o uso de maquinaria agrícola e forestal entre as doce e as seis da tarde, salvo que se conte con medidas de seguridade adicionais como vixilantes e medios de extinción. Tampouco se permite o uso de priotecnia en zonas forestais ou facer barcacoas no monte ou mesmo circular con vehículos a motor nas zonas máis sensibles.
Con veráns cada vez máis longos, cálidos e secos as masas forestais perden humidade e o risco de incendios é máis elevado e mantense durante máis tempo.
"Hai máis días ao ano en que se dan estas circunstancias. A xanela de oportunidade amplíase, son máis días en que calquera chispa, cavicha ou incendiario que queira provocar un lume te máis posibilidades de que esta ignición prospere." Explica o Coordinador da Unidade de Investigación de Incendios Forestais Aurelio Mosteiro.
E con estas condicións de calor e pouca humidade, os lumes que se producen son moito máis virulentos.
"Os incendios son máis virulentos, cunha velocidade de propagación moi alta, unha dispoñibilidade no territorio moi ampla, con continuidade. Son lumes que avanzan con perímetros moi grandes, de quilómetros, e lapas moi virulentas que fan que sexan moi complicados de extinguir. Por iso se fala de incendios fóra de capacidade de extinción ou incendios de sexta xeración." Di Mosteiro.
Malia que está demostrado que máis do 70% dos incendios que se rexistran en Galicia son intencionados tamén hai unha porcentaxe de lumes que se orixina por neglixencias ou descoidos que podemos evitar.
"Primeiro non facer nada de lume e tamén non deixar ningún resto de lixo ou sucidade que poida chegar a provocar algún incendio."
"Non facer lume no campo, non tirar cigarros ou algún vidro que poida producir lapas...sentidiño."
Con coidado e sentido común todos podemos poñer da nosa parte para evitar que os nosos montes sexan pasto do lume.