Publicador de contidos

Publicador de contidos

A axustada pugna entre PNV e EH Bildu pon a proba o sistema electoral vasco

A axustada pugna entre PNV e EH Bildu pon a proba o sistema electoral vasco

Euskadi é a única comunidade en que non se ten en conta a poboación para repartir proporcionalmente os escanos

Un valado de publicidade con diferentes opcións para a votación do domingo. EFE/Luis Tejido Un valado de publicidade con diferentes opcións para a votación do domingo. EFE/Luis Tejido
G24.gal 20/04/2024 10:14

A cidadanía vasca elixe este domingo 75 representantes, 25 por cada circunscrición electoral independentemente da súa poboación, un peculiar sistema que pode ser determinante nunhas eleccións nas que se agarda moi pouca distancia entre PNV e EH Bildu.

O vasco é o único sistema electoral autonómico no que non se ten en conta a poboación para repartir proporcionalmente os escanos, unha excepción que obedece a motivos históricos e tamén políticos.

Euskadi configurouse como unha realidade confederal, unha unión dos seus tres territorios históricos, auténticos depositarios do autogoberno vasco a través dos seus foros.

O censo electoral de 2024 ascende a 1.795.206 electores. Biscaia conta con 945.874, Guipúscoa suma 587.709 e Áraba 261.623. Isto significa que o voto arabés pesa 3,6 veces máis ca o biscaíño.

En Biscaia, cada parlamentario representa a 37.834 votantes, mentres que un escano guipuscoano corresponde a 23.508 e un arabés a 10.464.

Mínimo do 3 % 

Ademais, a lei electoral vasca estableceu un mínimo do 5 % dos votos emitidos nunha circunscrición para poder acceder á repartición de escanos, pero no ano 2000, modificouse este apartado da norma para rebaixar este requisito ao 3 % vixente.

Varias enquisas auguraron un empate entre EH Bildu e o PNV ou unha vitoria dos primeiros en escanos, pero non en votos, unha circunstancia que se explica polo peso electoral que o PNV mantén na provincia de Biscaia, que aglutina máis do 50 % do censo.

Así como Biscaia figura como a praza forte do PNV, Guipúscoa é historicamente terreo máis propicio para EH Bildu, aínda que no 2020 foron os primeiros os que se impuxeron nos tres territorios.

Singular sistema vasco

Con todo, nos dous precedentes máis próximos, as forais e as xerais de 2023, EH Bildu impúxose en Guipúscoa cunha gran diferenza nos comicios a Cortes Xerais, mentres que en Áraba a batalla entre o PNV e EH Bildu prevese moi igualada.

Aínda que historicamente nunca se apuntou á influencia do singular sistema vasco no resultado electoral, nos comicios deste domingo, cunha diferenza que se agarda tan estreita, pode ser relevante.

A situación de que un partido gañe en votos pero perda en escanos só se produciu noutra ocasión, nas eleccións de 1986, tras a escisión do PNV. Daquela, lograron 17 parlamentarios con case 20.000 votos máis ca o PSE-EE, que gañou os comicios con 19 escanos. Porén, ao final foi o PNV quen acabou gobernando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade