Publicador de contidos

Publicador de contidos

Era a economía?, por María Bastida

OPINIÓN

Era a economía?, por María Bastida

María Bastida 05/11/2026 07:41

“A economía, imbécil”. A frase que James Carville colgou na sede de campaña de Bill Clinton en 1992 volve en cada noite electoral, e esta non foi unha excepción. Pero paga a pena preguntarse se segue explicando o que pasou nos Estados Unidos ou se a repetimos por inercia.

Os datos convidan a pensar que si. O 39 % dos votantes sinala a economía como o principal problema do país e tres de cada catro consideran que a economía vai regular ou mal. O máis revelador é que o 65 % pensa que as políticas de Trump a empeoraron e o 62 % atribúe os prezos elevados a esas políticas. Aí está a diferenza con 2024. Daquela, o debate xiraba arredor da distancia entre uns indicadores macroeconómicos razoables e unha cidadanía que non notaba a mellora. Desta volta, o votante non parece desconcertado. Identificou o problema e púxolle nome e apelidos: a gasolina e a cesta da compra, a vivenda, o coche. Cando encher a neveira se converte nun problema, non hai discurso que convenza de que todo vai estupendamente.

Os cartos tamén nos dan outra clave interesante. Malia a súa doazón estratosférica, Elon Musk viu perder boa parte dos seus candidatos. É tentador concluír que os cartos xa non compran eleccións, pero sería inxenuo. Tamén houbo grandes fortunas do lado demócrata, e o diñeiro conserva unha enorme capacidade para seleccionar candidatos, marcar a axenda e influír nas decisións públicas. O que este resultado suxire é unha asimetría: os cartos pesan moito sobre a oferta política e bastante menos sobre a demanda electoral, polo menos cando o descontento económico é suficientemente intenso.

Por iso, cabe preguntarse se estamos ante unha crise da capacidade dos gobernos para ofrecer benestar material a quen os vota. Non é un fenómeno exclusivo dos Estados Unidos. Unha democracia pode soportar moitas contradicións ideolóxicas, pero cústalle moito máis soportar contradicións económicas persistentes. Desas que afloran cada vez que nos contan o ben que vai o país mentres a nós cada vez nos custa máis vivir.

Así que si, outra vez a economía. Pero en 1992 castigábase unha recuperación que non acababa de chegar aos fogares. Hoxe castígase a quen prometeu devolverlles poder adquisitivo e non o conseguiu. Porque, ao final, o que decide non é só como vai a economía, senón canto desa boa marcha se traduce en benestar para quen vive dela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade