Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia rexeita poñer en liberdade un dos investigados polo crime de Samuel Luiz

A Audiencia rexeita poñer en liberdade un dos investigados polo crime de Samuel Luiz

Os xuíces manteñen que as declaracións e imaxes permiten "vincular o apelante co ataque"

O tribunal cre que existe risco de fuga e conclúe que non hai indefensión

G24.gal 12/01/2022 12:43

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña rexeita o recurso de apelación interposto por un dos investigados polo crime de Samuel Luiz contra o auto do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña que o pasado 2 de decembro decretou o mantemento do seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, os maxistrados indican que non variaron “os elementos e criterios en función dos que se impuxo a privación de liberdade, máis aló do paso do tempo e a evolución da instrución”. 

O mantemento da medida, segundo a Audiencia, é “necesario e proporcional á entidade dos feitos investigados e ás concretas circunstancias que concorren no investigado”. O tribunal salienta que as declaracións e as imaxes incluídas nas actuacións permiten “vincular o apelante co ataque, nos termos de provisionalidade que caracterizan esta fase procesual”. 

Risco de fuga

Os xuíces aseguran no auto que existe risco de fuga, debido á petición de pena de cárcere á que se podería enfrontar o sospeitoso, así como de alteración de fontes de proba. Ademais, indican que a posta en liberdade do investigado “podería aumentar” a posibilidade de que “o apelante ou persoas á súa petición” realicen “actos futuros destinados a enturbar, condicionar ou alterar medios e fontes de proba”.  

O tribunal asegura, ao contrario do que defende o investigado, que a súa comparecencia voluntaria ante a policía carece de espontaneidade porque a súa vinculación coa agresión e a súa identidade xa foran descubertas. Por iso, a Audiencia destaca que a súa incorporación á investigación, nunha condición ou outra, era “previsible, por non dicir inevitable, cando tivo lugar a presentación”.

Ademais, subliña que a declaración que prestou, “supostamente sincera e favorecedora para esclarecer os feitos”, non resistiu “o contraste con outros elementos de convicción incorporados posteriormente ás actuacións policiais e xudiciais, ata o punto de modificar a súa condición no procedemento: de testemuña a investigado”. 

Non hai indefensión

En canto á alegación de indefensión formulada polo sospeitoso, os maxistrados inciden en que “non concreta como foi privado dos seus dereitos fundamentais ou como foron minguados”. Así, indican que soamente fai referencia ás súas “repetidas peticións” para dispoñer na súa totalidade da última versión da gravación dos feitos achegada pola investigación policial.

Os xuíces recalcan que o desenvolvemento da instrución está “dentro das previsións da lei procesual penal” e conclúen que “non hai afectación real do dereito de defensa, máis aló da temporal, porque as dilixencias expostas se poden practicar nun futuro, tras pasar o exame da súa pertinencia, posibilidade e utilidade”.

Por último lembran que, de ser certa esa indefensión, o que correspondería sería repoñer o dereito afectado, pero non implicaría necesariamente a posta en liberdade do apelante. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade