Ordenan repetir o xuízo contra o futbolista Álvaro Ratón por agresión sexual no Carballiño
O porteiro do Zaragoza xa fora absolto en dúas ocasións, acusado dun presunto delito contra a liberdade sexual

A Audiencia Provincial de Ourense pide que se repita o xuízo contra o porteiro do Zaragoza Álvaro Ratón por unha agresión sexual no Carballiño, quen supostamente agrediu unha muller na noite de San Xoán do ano 2018.
O futbolista fora absolto en dúas ocasións por estes feitos. A muller recorreu e agora a Audiencia Provincial de Ourense ordena que se repita o xuízo. Din dende o órgano xudicial que non se tiveron en conta todas as probas e que na sentenza empregáronse premisas subxectivas.
Na última sentenza a xuíza indicaba no auto facilitado á prensa que “unha análise aínda máis pormenorizada da testifical, a pericial e a documental”, tras o que mantén o pronunciamento absolutorio. A maxistrada sostivo na resolución que a versión dos feitos que ofrecía a vítima “non se vía corroborada polo resto dos medios de proba” e incidía en que “non hai un cadro probatorio de signo incriminatorio”.
Falta de coherencia externa
Ademais, lembraba que o testemuño da denunciante debía estar “rodeado de corroboracións periféricas de carácter obxectivo (coherencia externa)”, algo que, segundo sinalaba, neste caso non se cumpría.
No último veredicto resaltaba que a suposta vítima “non mantivo unha versión única sobre o lugar ao que foi lanzada polo acusado”, o cal destaca que é “relevante canto ás lesións que, no seu caso, se puideron producir, tendo en conta que, debido á forma física da escaleira, o banco e a parede, as lesións ao resultar golpeada contra cada un deles serían distintas”.
Aseguraba tamén que, unha vez analizada a proba pericial, non se podía ter por acreditado “se a denunciante, a partir de xuño de 2018, sufriu un trastorno de tensión postraumática ex novo ou sufría un trastorno ansioso depresivo do que fora diagnosticada en febreiro de 2018”.