Publicador de contidos

Publicador de contidos

A asociación Vacaloura busca axuda para mellorar o seu refuxio de animais

A asociación Vacaloura busca axuda para mellorar o seu refuxio de animais

Na actualidade acollen máis de trescentos animais, rescatados do abandono e doutras ameazas á súa supervivencia

O santuario animal Vacaloura está de traslado de Santiago a Arzúa
G24.gal 12/04/2023 14:10

O refuxio de animais coñecido como santuario Vacaloura ten en marcha unha campaña de recollida de fondos para afrontar o seu traslado de Compostela a Arzúa. Na actualidade acollen máis de trescentos animais, rescatados do abandono e doutras situacións que poñían en perigo a súa supervivencia.

Un touro cacheno foi rescatado do abandono a consecuencia dun incendio forestal en Ourense anos atrás. Javi, como lle chaman, leva desde entón compartindo atención con ducias de animais no santuario de Vacaloura. Cada un ten detrás a súa historia traumática e na súa superación traballa un grupo de persoal voluntario, con Inés e Mario á fronte.

Explica Mario Santiago, cofundador da asociación que "a Mongó, unha porca vietnamita, disparárona na cara e na columna. Operámola e fixémoslle rehabilitación, pero non conseguimos que camiñara. Moitos dos animais veñen do abandono, do maltrato. A maioría, de feito. Algúns teñen lesións, algunha necesidade especial, e nós aquí coidámolos para sempre e procurámoslle a vida máis digna que se pode agardar". 

E nese afán de mellora, trasládanse de Compostela a Arzúa. E para completar o cambio puxeron en marcha a recollida de material e cartos que llo permitan.

"Sempre estamos necesitando para  penso, agora para as construcións. Estamos cunha campaña de Teaming dun euro ao mes que, por certo, desgrava en Facenda, pois tentamos chegar aos cinco mil para poder afrontar o gasto da nave grande", di Mario Santiago.

Tamén agradecen outras modalidades de apoio dos que informan no seu sitio de Internet santuariovacaloura.org. E, por suposto, a man de obra voluntaria aquí sempre é ben recibida. Lara Rodríguez é unha delas: "Que hai xente que lles dá oportunidade a estes animais. Foi o que motivou; non centrarme só en mascotas como gatos e cans, tamén ter a oportunidade de colaborar con outros animais".

Unha das tarefas cotiás e ir buscar e repartir os alimentos que lles doan os supermercados Lidl de Boiro e Ribeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade