O colectivo cultural Os Patexeiros homenaxea as mariñeiras do golfo Ártabro
Presentaron en Sada o seu documental "Mulleres ao son do mar"
O documental "Mulleres ao son do mar" pon o foco na importancia da figura feminina nun sector tradicionalmente masculinizado, como é o mariño. Faino a través da mirada, os recordos e as vivencias dun grupo de mulleres que reuniu nesta peza audiovisual a asociación cultural Os Patexeiros de Sada e que se presentou na Casa da Cultura.
"Non é só que os homes foran ao mar. As mulleres traballaban aquí, estaban na fábrica de salgadura, descargaban o peixe", explica, Jojó, secretaria da asociación.
Mulleres como María Rosende, peixeira desde hai catro décadas, unha das voces protagonistas dun documental que se apoia no valioso arquivo fotográfico do proxecto Memoria de Sada para rescatar estampas do pasado e darlles voz ás mulleres do mar.
O traballo tamén recolle os testemuños de mulleres como Ana, que foi, no seu tempo, a única alumna na escola Náutica Pesqueira de Ferrol. As ondas, di ela, non teñen xénero.
"Só hai que querer collelas e ter afouteza", asegura.
Pasado e presente dialogan en "Mulleres ao son do mar" que se presentou envolto nunha marea de emocións na casa da cultura de Sada.