Publicador de contidos
Publicador de contidos

A apertura de Ferrol ao mar comezará modificando o muro do Arsenal

A apertura de Ferrol ao mar comezará modificando o muro do Arsenal

A ministra de Defensa dixo que Ferrol é unha cidade "esencial para España" e mostrou a súa "satisfacción" pola posta en marcha da iniciativa

G24.gal 02/04/2024 16:28 Última actualización 02/04/2024 17:13

A ministra de Defensa, Margarita Robles, acudiu este martes á presentación da primeira fase do proxecto Abrir Ferrol ao mar, co que se rebaixará a altura do muro do Arsenal Militar ferrolán, unha demanda histórica do municipio que virá acompañada da instalación dun enreixado de seguridade.

O acto, celebrado na sede da Fundación Exponav, tamén contou coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o almirante xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro, entre outras autoridades.

A ministra de Defensa dixo que Ferrol é unha cidade "esencial para España" e mostrou a súa "satisfacción" pola posta en marcha da iniciativa, sobre a cal trasladou a "ilusión" da Armada por desenvolvela, en referencia ao almirante xefe do Arsenal ferrolán, Ignacio Frutos.

A redacción do proxecto correspondente será analizada este xoves nunha mesa de contratación do Concello de Ferrol.

Adxudicarase por 288.750 euros, aínda que o custo total da iniciativa roldará os 5 millóns de euros.

O plan "Abrir Ferrol ao mar" será sufragado ao 50 % pola Xunta e o consistorio ferrolán, ata sumar un montante de 11 millóns de euros, e o Goberno autonómico financiará integramente a redacción de proxectos e ao 50 % a execución das obras, repartida co executivo municipal, que xestionará as autorizacións precisas.

O alcalde da vila incidiu no compromiso de que toda a iniciativa estea finalizada nos próximos catro anos.

A súa primeira fase inclúe rehabilitar e rebaixar o tramo de muralla que discorre polo paseo de Irmandiños, ademais da súa rexeneración urbana, ademais de facilitar a modernización do Arsenal Militar de Ferrol, que se dotará de novos controis de seguridade nos seus principais accesos.

Nese treito, a tapia será substituída por muros de media altura, que contarán cun enreixado na súa parte superior para propiciar a visibilidade tanto do histórico dique da Campá como do coñecido como Porto Chico, no interior das dependencias castrenses.

Ademais, recuperarase o foxo defensivo próximo á Porta do Parque, mentres que no exterior, no paseo de Irmandiños, promoverase un carril para bicicletas que conectará o barrio portuario de Ferrol Vello co centro histórico da cidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade