Publicador de contidos
Publicador de contidos

A alerta temperá, chave para o rescate dos mariñeiros en Porto do Son

A alerta temperá, chave para o rescate dos mariñeiros en Porto do Son

Chamaron cun móbil ao 112 despois de envorcar por un golpe de mar

Agardaron o rescate aferrados á quilla da embarcación 

 

G24.gal 30/01/2024 13:58

A lancha Guiomar Un pescaba robaliza na zona de Basoñas cando un golpe de mar logrou envorcala. Os tres tripulantes caeron á auga, pero reaccionaron rápido pedindo auxilio coa axuda dun móbil.

"Grazas á habilidade dunha mariñeira que ía na embarcación que logrou chamar moi rápido ao 112 e avisar a todos e facer o rescate o máis rápido posible. Penso que máis rápido non puido ser, chegaron axiña o barco de salvamento, o helicóptero e os pesqueiros que pescaban na zona", explica José Antonio Pérez Sieira, patrón maior da confraría de Ribeira.

Media hora despois da chamada, o buque de Salvamento Salvamar Regulus e o pesqueiro Prajo, de Porto do Son, notificaban o rescate dos tres mariñeiros. Atopáranos aferrados á quilla da embarcación, loitando para que o mar non os levara.

"Estaban agarrados á embarcación para manterse na superficie, subidos á quilla porque esta non afunde de vez, queda entre augas. Pero tes que facer moita forza para aguantar os golpes de mar, custa moito traballo manterse así", di Pérez Sieira.

Segundo nos informa o patrón maior de Ribeira, onde a Guiomar ten a base, os pescadores están cansos pero ben, recuperándose na casa do sucedido. A embarcación, pola súa banda, foi remolcada ata Porto do Son, onde foi baleirada e trasladada a un taller para a súa reparación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade