A aldea da Mioteira, destino turístico no Nadal
Por terceiro ano consecutivo, os veciños decoraron as súas casas para atraer visitantes
Situada ao carón do polígono industrial de San Cibrao, esta pequena aldea compite polo recoñecemento á mellor iluminación de Nadal
Parece o escaparate dun centro comercial, pero é a casa de Bea, veciña da Mioteira.
"Unimos palés, pegámolos facendo efecto azulexo, pintamos unha porta, a ventá... e así, aos poucos", explica Bea.
Levan máis dun mes traballando. Cada ano que pasa, o nivel de esixencia aumenta e tamén os metros de cableado.
"Parece pouco pero empezas 50 metros para o peche, outros cen para chegar á outra punta, as árbores...", comenta un mozo da zona. "Pero é todo led, nova tecnoloxía, que podes gastar? 20 euros de luz?. Ademais, no meu caso pagan os pais, así que non hai problema, ha, ha", ri.
Inauguraron a fin de semana pasada, para aproveitar as pontes, porque a Mioteira é xa un reclamo para os veciños dos arredores. "Grazas ás luces, a aldea colleu auxe". "Vén moita xente e estamos contentos, moi orgullosos", sinalan dous veciños.
Hai luces, música, ambiente, e ata chocolate con churros.
"Orgullosos do que fixemos e de toda a xente que vén e lle gusta. Iso é o que nos enche a nós", din un dos pioneiros na iluminación da súa vivenda.
Pero o mellor, aseguran, é a unión do pobo. Todos remando á vez para converteren a súa aldea nun destino de Nadal.