A acción dun home sen teito frustra o roubo nunha tenda de Vilagarcía
O home chamou a policía, que logrou chegar a tempo para deter o ladrón no establecemento
A deste domingo á noite foi a segunda vez que Diana sofre a entrada de ladróns no seu negocio nas galerías Gallego de Vilagarcía. Desta volta ten que afrontar a factura para a reparación de danos. A alerta dun home sen teito e outro transeúnte propiciou a chegada a tempo da policía.
"Un home que dorme na rúa avisou a policía e tamén un que ía en bicicleta pola rúa alertou, polo que a policía acudiu axiña, e, aínda que (o asaltante) estaba dentro, evitou males maiores", di Diana Ansias Peña, propietaria do establecemento.
A videovixilancia da tenda rexistrou a acción do individuo coa cara descuberta, portando a tapa dun sumidoiro a xeito de maza:
"Díxonos a policía que é multirreincidente, que saben quen é, que o collen e ao pouco volve estar solto. E diso é do que estamos fartos os comerciantes de Vilagarcía. Estamos moi afectados por que lle está pasando a moita xente, e non nos sentimos seguros", explica a propietaria do centro.
Diana lembra que, aínda que desta volta só ten que afrontar a reparación de danos, hai menos de medio ano a visita dos ladróns deixoulle un desfalco de sete mil euros.
"Que faga algo o Concello de Vilagarcía para proporcionarnos máis seguridade nas rúas, que nos sentimos moi inseguros. Hoxe estabamos fóra, pero outro día podemos estar dentro", conclúe.