O aeródromo militar de Santiago fai 90 anos cunha xornada de portas abertas
Celebrouse unha xornada de portas abertas para coñecer de preto as distintas aeronaves militares
Os asistentes puideron visitar o Atlas, o avión de transporte máis moderno do Exército do Aire e o caza Eurofighter
O aeródromo militar de Santiago celebrou este sábado o seu 90 aniversario cunha xornada de portas abertas nas que se puideron coñecer distintos avións militares e das forzas de seguridade. Os propios pilotos e enxeñeiros responderon a pé de pista as dúbidas sobre as distintas aeronaves.
Achegarse a un caza ata case tocalo, descubrir a velocidade que acada, os motores que leva ou as misións nas que participou... A curiosidade da cidadanía por estes avións chega moitas veces a través do cinema ou dos videoxogos pero este sábado tivo resposta in situ, na celebración do 90 aniversario do aeródromo militar da Lavacolla.
"Á xente impresiónaa moito a cabina de carga porque é enorme e quedan mirando todo e preguntando. Este é un avión de transporte multipropósito. É o máis moderno que temos agora mesmo no Exército do Aire. Pode levar carga e pasaxeiros e reabastecer outros avións durante o voo", asegura Óscar Rodríguez Moro, piloto do avión A400M "Atlas".
"A experiencia é moi gratificante. Eu puiden cumprir o meu soño porque sempre quixen ser piloto de combate e máis aínda do "Eurofighter". A xente aquí pregunta de todo, desde que avión é a que tipos de mísiles podemos levar...", explica Antoni López Gallego, piloto do EF2000 "Eurofighter".
"A verdade é que me parece unha actividade moi interesante para achegar os nenos ao labor que fan, de protección e axuda á poboación civil", di unha asistente.
Tamén xeran expectación outras aeronaves que sobrevoan o país con máis frecuencia, coma o Pegasus de Tráfico ou o avión antiincendios do Exército.
"O que mais os sorprende é a cantidade de auga que carga e o rápido que o fai: 6.000 litros en 10 segundos", di Javier Díaz Guerra, piloto do Bombardier CL-415.
Respostas que para moitos dan tranquilidade ante situacións de urxencia nas que podemos velos traballando.