Uns 400 equipos participan en Lalín no Campionato Nacional Presas de futbolín
É un dos torneos de futbolín máis prestixiosos e chega este ano á súa 28 edición
As mans máis áxiles e máis expertas do futbolín compiten neste torneo.
"Rapidez, defensa, compenetración co compañeiro, forza...un pouco de todo", di unha participante no torneo.
Arredor de 400 equipos participan no Campionato Nacional Presas de Lalín, que destaca por ser o máis antigo e prestixioso deste xogo de mesa.
"O torneo lévase celebrando 28 edicións, 29 anos, o da pandemia non se celebrou. É o máis antigo que se segue a celebrar en España. Inicialmente facíase itinerante, pero os últimos catro anos faise fixo en Lalín", explica o organizador do torneo, José Presas.
Xóganse dúas modalidades: en parado e en movemento, onde a bóla, como nesta partida, nunca se pode reter. En calquera das dúas categorías, din que o nivel é moi alto.
"Apuntámonos nas dúas modalidades, en movemento, que é a que xogamos en Zaragoza, e xa que estamos aquí tamén en parado. Hai moito nivel".
"Eu levo anos competindo por toda España e aquí é onde máis hai".
"Gústanos o ambiente, en Galicia sempre é guai".
O campionato, este domingo coa modalidade de parado, continuará disputándose no Lalín Arena durante toda a fin de semana.