34 cans guía da ONCE acompañan as persoas invidentes en toda Galicia
No Día Internacional do Can Guía reclama o dereito de acceso destes animais a todo tipo de establecementos, con especial fincapé nos hostaleiros
A cadela Vivi acompaña o invidente chantadino Carlos Taboada onde queira que vaia. É un dos 34 animais que traballan no noso país adestrados pola ONCE, que no Día Internacional do Can Guía reclama o dereito de acceso destes animais a todo tipo de establecementos, con especial fincapé nos hostaleiros.
"É o terceiro can que teño. Cando empecei co primeiro, en restaurantes e incluso taxis había bastante rexeitamento. Co tempo, a xente vai coñecendo máis, pola divulgación, con carteis que se poñen de cans guía e polas campañas, xa se vai tendo menos trabas", afirma Taboada.
En todo o ámbito estatal son uns 900 os animais que lles serven de ollos ás persoas cegas. Así e todo, aínda son necesarios máis cans guía.
"Porque hoxe a espera da escola en Madrid é de arredor de tres anos, se non máis. Fas todos os papeis e ata que cheguen á escola despois tardas polo menos tres anos en que che concedan un, excepto se es repetidor", explica o invidente.
Nos seus 35 anos de historia, a Fundación ONCE do Can Guía facilitoulles ás persoas cegas máis de 3.700 animais para mellorar a súa autonomía.