302.843 alumnos incorpóranse ás aulas en Galicia
O curso arrinca cun récord histórico de docentes: 31.766, 153 máis que o ano pasado
A Xunta reforzará o ensino híbrido tras a aprobación da nova lei de educación dixital
Un total de 302.843 alumnos desde Educación Infantil ata Bacharelato incorpóranse hoxe ás aulas nun curso en que Galicia volve acadar un récord histórico de 31.766 docentes, 153 máis.
A escena repítese cada ano: maiores e pequenos amoreados ás portas dos centros educativos para chegar puntuais o primeiro día de cole. A moitos xa lles tardaba este día, e agardaban por el coma se fora unha mañá de reis. "Contou os días esta semana toda", di a nai dunha alumna de Vedra. "Custoulle moito durmir porque xa sabía que empezaba hoxe", di un pai ás portas dun centro en Santiago.
Ilusión e nervios foron o cóctel común entre maiores e pequenos. No CEIP Lamas de Abade, en Santiago, arrancaba o curso con máis de 400 alumnos. Di a directora que o normal é que estean desexando volver. "Entran correndo -di María do Mar Rodríguez- están encantados, os nenos son moi flexibles e queren cousas novas, non teñen problema".
Agora toca volver instalarse, despregar o material e, sobre todo, recuperar ese contacto que estrañaban dende xuño. E se os pequenos tiñan ganas, "máis ganas tiñamos nós", asegura rindo unha nai. Porque a volta ás aulas é unha axuda esencial para a conciliación familiar e laboral dos maiores.
Neste ano académico, a Xunta seguirá afondando na modernización do sistema emprendida ou ano pasado e apostando pola inclusión, a atención á diversidade e a convivencia.
A nova lei de educación dixital reforzará o ensino híbrido, e vanse renovar os diferentes programas pedagóxicos e de apoio ás familias.
O presidente da Xunta Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia e Universidade Román Rodríguez, inaugurou esta mañá o curso escolar 2025-2026 no CPI Plurilingüe de Vedra.
E fíxoo desexando un bo inicio do ano académico a toda a comunidade educativa de Galicia.
Alfonso Rueda destaca que este ano haberá un récord histórico de docentes, 31.766, que son 153 máis co curso pasado. Rueda apunta que a Xunta seguirá avanzando na mellora das ratios, na atención á diversidade e na ensinanza híbrida, que combine papel e novas tecnoloxías. Este curso destinarán 132,4 millóns de euros para atender os 421.000 alumnos que haberá este ano, dende as escolas infantís ata a universidade.