Un gol da galega Lucía Pardo abre o camiño da vitoria da Real sobre o Deportivo Abanca
O cadro donostiarra estrelou cinco remates contra os paus no primeiro tempo
O Deportivo Abanca perdeu no campo de Zubieta diante da Real Sociedade (3-0) nun partido no que tivo unha achega determinante a xogadora de Outeiro de Rei Lucía Pardo. A dianteira galega da Real marcou o primeiro gol do encontro no primeiro minuto do segundo tempo.
Na primeira metade o cadro vasco gozou de moitas ocasións de gol pero estiveron negadas diante da porteira deportivista Inés Pereira. Ata en cinco ocasións estrelaron os seus remates contra os paus. O Deportivo tamén tivo un lanzamento á madeira nun centrochut de Ainhoa Marín.
O tanto de Lucía Pardo cambiou a dinámica do encontro. A Real, terceira na clasificación e en postos de Champions, adicouse a controlar o partido diante dun Abanca que apenas inquedou a porta local. O segundo gol, marcado por Emma Ramírez, no minuto 64 acabou por sentenciar o resultado. Aínda habería un gol máis, no minuto 88, cando Cahynova marcou o definitivo 3-0.
A Liga Feminina párase ata o mes de xaneiro cando o Deportivo ten que xogar o último partido da primeira volta diante do Tenerife. Antes terán que afrontar a eliminatoria da Copa da Raíña, tamén diante da Real Sociedade pero en Riazor (domingo 21, ás 12:00 na G2).