Publicador de contidos

Publicador de contidos

25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

Lugo celebra esta semana a efeméride do recoñecemento por parte da Unesco, o 30 de novembro do ano 2000

Decenas de persoas tiveron un papel destacado na conservación e promoción dun monumento senlleiro, o principal atractivo turístico da cidade e un orgullo para os lucenses

Lugo celebra esta semana as vodas de prata da Muralla romana como Ben Mundial
G24.gal 24/11/2025 14:35

Arqueólogos, historiadores, arquitectos, políticos e artistas contribuíron nas últimas décadas á promoción da Muralla de Lugo e aínda marcan as directrices para o seu futuro.

A Xunta de Galicia aprobou o novo Plan de Conservación e posta en valor da Muralla. Ignacio López de Rego, foi o arquitecto partícipe no dosier enviado á Unesco e o actual director do Plan de Conservación do monumento, que incorpora a sostibilidade como eixo da xestión patrimonial.

"Buscamos o equilibrio entre a conservación do patrimonio monumental e do patrimonio medioambiental, a flora e fauna que habitan na Muralla. Entre as plantas que son prexudiciais e as que non, suprimindo as primeiras mediante biocidas como estamos facendo agora e engadirlle a problemática da fauna, cirrios, morcegos e réptiles".

En 25 anos avanzouse moito na preservación e coñecemento dun monumento que aínda garda segredos por desvelar, como algunha das portas ocultas. Apunta o historiador autor de varios libros e guías sobre a Muralla, Adolfo de Abel Vilela.

"Pode que algún día descubramos algunha desas portas orixinais que desapareceron ou se tapiaron".

"Unhas das cousas que se gañou foi a peonalización de parte da contorna da Muralla, gardando unha zona de respecto e afastando a circulación de automóbiles".

O recoñecemento da Unesco supuxo un aumento do turismo e unha maior apreciación do monumento por parte da veciñanza

Os lucenses que pasean ou fan deporte polo adarve sinalan que "é un orgullo tela de pé" e "que é unha fonte de ingresos importante" polo turismo e "o bonita que é e o ben coidada que está". Tras dous mil anos "é unha marabilla conservala".

Alén do valor patrimonial a Unesco aprecia a integración da Muralla na cidade e na vida dos lucenses que destacan "o insólito de poder gozar hoxe da Muralla enteira" que é "unha protección para a cidade e un lugar de paseo".

Con 2.000 anos de historia e máis de dous quilómetros de percorrido a Muralla romana protexe a vella cidade que se abre aos visitantes a través das súas dez portas.

Para os turistas que visitan din que "é incrible que se manteña durante tantos anos" e afirman que Lugo encántalles e que "a Muralla é o máis impresionante" que viron.

Numerosas actividades conmemoran esta semana os 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Ben Mundial que culminarán cun grande acto institucional o día 30 de novembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade