Trece anos e medio de cadea para o autor do crime de Coia
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno de conformidade co veredicto emitido polo xurado que o considerou culpable por unanimidade
A condena é por matar cun disparo de escopeta outro home en 2024
EFE
O acusado do crime de Coia foi condenado a 13 anos e medio de prisión por matar cun disparo de escopeta o 6 de abril de 2024 outro home, ao que coñecía desde neno e co que estaba enfrontado por cuestións relacionadas co comercio de droga.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenouno de conformidade co veredicto do tribunal do xurado, que o atopou, por unanimidade, culpable de asasinato. Así, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, impúxolle 13 anos e medio de cárcere polos delitos de asasinato e tenencia ilícita de armas. Tivéronse en conta as atenuantes de alteración psíquica, medo e confesión.
A maxistrada presidenta indica na sentenza que o condenado abriulle a porta da súa vivenda á vítima cunha escopeta coa que realizou dous disparos. Un deles, efectuouno a menos dun metro de distancia da vítima, e o cartucho impactou na súa fazula e a rexión cervical esquerda, o que lle causou feridas que afectaron a zonas vitais.
Os disparos realizounos, segundo consta na sentenza, cunha escopeta de caza que gardaba na súa casa, co número de serie parcialmente limado e ilexible, para a que carecía de licenza.
Tal e como concluíu o xurado popular, a maxistrada considera que o procesado disparou “aceptando o resultado mortal que podería ocasionar”. Ademais, subliña que a vítima “non tivo oportunidade de reaccionar nin de defenderse, dada a forma en que se produciu o ataque”.
Os xurados entenderon así acreditado o ánimo de matar e a concorrencia de aleivosía. De conformidade co veredicto, a maxistrada sinala que o acusado, no momento dos feitos, tiña a súa capacidade volitiva levemente minguada ao estar diagnosticado de trastorno mental e de comportamento, debido ao consumo de alcol e opioides; ademais, consumira cocaína e cánnabis.
Tamén recolle que “actuou por pánico ou terror", o que "limitou levemente a súa capacidade de actuar doutra maneira, debido a que a vítima se presentou na súa casa cun coitelo e unha barra de aceiro.
O acusado confesou os feitos cando xa estaba detido pola policía e iso, segundo o veredicto, contribuíu de forma eficaz á investigación. A maxistrada sinala que o Tribunal do Xurado desenvolveu “de forma lóxica” as razóns que levan a considerar ao acusado culpable dos feitos que se declaran probados.
A confesión do sospeitoso, o informe forense no que constan as lesións realizadas con arma de fogo, así como unha ferida incompatible coa vida, e o informe de criminalística de investigación dos disparos foron algunhas das probas consideradas polo xurado.
En todo caso, a sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.