Publicador de contidos
Publicador de contidos

1.154 persoas morreron en accidentes de tráfico en 2024, 14 máis que o ano anterior

1.154 persoas morreron en accidentes de tráfico en 2024, 14 máis que o ano anterior

A sinistralidade aumentou en autovías e autoestradas, especialmente por saídas de vía

O ministro do interior afirma: "A cifra de mortos sería menor respectando os límites de velocidade, evitando o consumo de alcol e drogas e se usásemos elementos de seguridade", como o cinto ou o casco

Marlaska anima a denunciar os grupos de WhatsApp que alertan de controles de alcoholemia e avoga por establecer limitacións para circular aos condutores maiores de 65 anos

G24.gal 10/01/2025 12:33

O ano 2024 pecha con 1.154 falecidos en accidentes de tráfico, segundo o balance de sinistralidade nas estradas feito público polo Ministerior do Interior. A cifra aumentou en 14 con respecto o ano anterior (1 %), nun contexto de incremento histórico de desprazamentos por estrada, case 463 millóns (un 3,15 % máis que en 2023).

Para Fernando Grande-Marlaska, "a cifra de 1.154 mortos é inasumible; nin debemos nin podemos aceptar que a mobilidade na estrada teña un prezo tan alto. Unha soa vida humana perdida nun sinistro viario é demasiado custo para unha sociedade moderna e avanzada como a española". 

O ministro puxo o acento naqueles condutores que no momento do accidente non fixeron uso dos elementos de seguridade, como o cinto ou o casco; "se os levasen, moitos deles salvarían a vida", dixo. "Non hai explicación para un comportamento tan irresponsable".

A sinistralidade durante 2024, en cifras

En total, durante o ano pasado, rexistráronse 1.040 sinistros mortais nas vías españolas, nos que faleceron 1.154 persoas e outras 4.634 quedaron feridas graves.

Dos 1.154 falecidos, 524 persoas viaxaban a bordo dun turismo, 79 en furgonetas (case o dobre que en 2023) 102 eran peóns, 46 ciclistas (1 máis que o ano anterior) e 300 conducían unha motocicleta ou un ciclomotor.

A cifra de vítimas mortais reduciuse entre o colectivo de condutores entre os 14 e 50 anos pero aumentou un 11 por cento entre os maiores de 65 anos. O ministro avoga por establecer limitacións a este colectivo, como prohibirlles circular de noite ou impedirlles a mobilidade a máis de 50 quilómetros do seu domicilio.

Restrinxir a mobilidade dos maiores de 65 anos e perseguir os grupos de WhatsApp que alertan de controis de tráfico

"Non imos prohibir a condución por motivos de idade pero si impoñer limitacións polas condicións físicas das persoas", dixo o ministro do Interior durante a presentación do balance de sinistralidade de 2024.

Con estas restricións -dixo- "permítese aos maiores de 65 anos conservar a súa autonomía para desprazarse en coche, pero en condicións de seguridade para eles mesmos e para o resto dos usuarios".

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, animou os condutores a denunciar os grupos de WhatsApp que alertan da localización dos controis policiais de alcol e drogas, unha das condutas "máis irresponsables que podemos ter os cidadáns".

Segundo Marlaska, estase debatendo no Parlamento unha proposición de lei do Grupo Socialista que busca reformar a lei de tráfico e que contempla a redución da taxa de alcol do 0,25 actual aos 0,1 miligramos por litro de sangue e tamén sancionar condutas daqueles que alertan da existencia de controis de alcol.

A nova norma fixará a responsabilidade da infracción na persoa física que difunda o contido, aínda que se sirva para iso de plataformas ou servizos da sociedade da información ou se trate de redifusións con orixe noutros datos ou informacións de terceiros.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade