Vigo activa as restricións de tráfico polo Nadal e recomenda reservar aparcamento
A circulación no centro da cidade estará limitada durante cincuenta e cinco días ata o 11 de xaneiro
Non se habilitarán aparcadoiros disuasorios pero si se desviarán os coches a zonas menos concorridas
O Concello ten medido que, nos días de máxima afluencia, chegan a entrar na cidade ata setenta mil vehículos
Son as outras luces de Nadal de Vigo pero gustan menos. Milleiros de faros de automóbiles iluminarán a partir desta fin de semana o asfalto do centro da cidade para traer os veciños e os visitantes que queren gozar do ambiente e da decoración.
O Concello ten medido que, nos días de máxima afluencia, chegan a entrar na cidade ata setenta mil vehículos, que se suman aos douscentos mil xa rexistrados como locais. O Concello recomenda chegar con tempo e, ademais, ir co aparcamento reservado. A mensaxe é que existen aparcadoiros públicos dabondo arredor do centro, á distancia dun pequeno paseo, e que sempre teñen prazas libres.
"Que reserven estacionamento na contorna, que os hai e moi bos. A infraestrutura está aí e está dispoñible e está nun lugar moi próximo ao lugar da celebración", asegura o responsable da área de Seguridade e Mobilidade do Concello, Antonio Vivero.
Porque o Concello, oficialmente, non habilitará aparcadoiros disuasorios aínda que si recomenda deixar o coche en determinadas zonas, sempre contando con que haberá conexión de transporte público.
O fundamental do plan de tráfico que se pon en marcha esta fin de semana é que se desviará ou dirixirá a circulación a certos lugares para garantir a fluidez nas vías principais.
"O mellor consello é deixar o coche nun aparcadoiro e deixarse perder por aquí", coincide un veciño do centro de Vigo.
"Que veñan en transporte público porque logo aquí isto é un caos", recomenda un condutor que acaba de deixar o coche nun aparcadoiro.
"Saír con antelación, buscar rutas alternativas...", suxire un mozo que se despraza en patinete eléctrico.
"O coche que non o traian. Eu non podo pero a xente é mellor que veña en transporte público", apunta un transportista que reparte mercadoría na rúa Urzáiz.
"Que non veñan, xa está. Porque é imposible vivir por aquí en Nadal", pide unha moza.
O plan de tráfico do Nadal de Vigo contempla cincuenta e cinco días de limitacións. Pero non todas se aplicarán sempre.
Os días están clasificados en tres niveis segundo a afluencia prevista e as medidas máis intensas só se porán en práctica durante nove xornadas. Ademais, en principio, só se activarán a partir das seis da tarde, cando chega máis xente a ver as luces.
Razoablemente satisfeitos
O Concello de Vigo activará o plan de tráfico de Nadal a partir do sábado 15. O programa recolle moitas das medidas que se xa aplicaron o ano pasado e inclúe algúns cambios. Unha das prioridades é garantir que en todo momento o tráfico sexa fluído en que os responsables de mobilidade consideran "as arterias principais" da cidade, a Gran Vía e o túnel de Beiramar.
"Estamos cun nivel de satisfacción alto con respecto ao plan de mobilidade do nadal pasado e cremos que, con respecto aos anteriores exercicios, se sentiu unha mellora substancial pero hai que seguir mellorando", expón a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez.