Suspenden por cuarta vez o xuízo polo atraco a un banco en Vigo porque un dos acusados está fuxido
O home quedou en liberdade provisional en xullo de 2025 e dende entón non se sabe nada del
Os dous procesados por este caso foron detidos meses despois por senllos asaltos distintos noutros bancos
Son vellos coñecidos das forzas de seguridade, que os relacionan con varios casos máis
Tampouco á cuarta foi a vencida. O Xulgado do Penal 2 de Vigo suspendeu de novo o xuízo polo atraco a unha sucursal de Abanca da avenida de Martínez Garrido acontecido en abril de 2023. A razón é que un dos acusados está desaparecido. O xulgado declarouno en rebeldía porque non se sabe nada del dende hai meses.
Os dous asaltantes foran detidos pola Policía Nacional días despois daquel roubo pero quedaron libres. Meses despois os dous volveron ser arrestados por outros dous atracos distintos. Cada un, nun banco diferente. Dende aquela, un deles está en prisión. O outro, en cambio, acabou quedando en liberdade outra vez porque ese caso está atascado. Fora nunha sucursal de Caixabank, co maior botín das últimas décadas en Vigo, trescentos mil euros.
"Saíu de prisión en xullo do ano pasado e dende esa data xa non tivemos máis coñecemento de onde está", asegura o seu avogado, Manuel Argibay.
No atraco a Abanca os ladróns ameazaron catro empregados e un cliente con "empezar os tiros" mentres ensinaban o que parecían pistolas. Levaron 117.000 euros e colleron o coche do director da oficina para escapar do lugar. A Fiscalía pide para un dos acusados cinco anos de prisión e, para o outro, catro anos e oito meses.
"Loxicamente recoméndolle que se presente. A petición que lle están facendo está por debaixo dos cinco anos e poderiamos acollernos á suspensión de execución. Polo tanto, non ten moito sentido. É necesario que compareza porque non tería maior problema", di o avogado do procesado que está desaparecido.
Os dous acusados son veteranos delincuentes coñecidos polas forzas de seguridade, que os relacionan con varios atracos no sur de Galicia. O xuízo polo asalto á sucursal de Abanca xa se suspendera tres veces antes. As dúas primeiras, por razóns técnicas. A demora neste caso, curiosamente, beneficia o detido que si está en prisión porque, chegado o momento, poderá alegar dilación indebida para que lle reduzan unha posible condena.