"Se non se condena o Adif, os políticos seguirán metendo presión aos técnicos", di a Plataforma de Vítimas do Alvia
"Se non se condena o Adif, os políticos seguirán metendo presión aos técnicos", di a Plataforma de Vítimas do Alvia
"Agardamos que a sociedade coñeza a cadea de neglixencias e mentiras que houbo", di Jesús Domínguez
"Tampouco se depuraron responsabilidades políticas"
"Os técnicos de Adif din que todo cambiou moito agora"
80 vítimas mortais, máis de 140 feridos e case dez anos agardando que se faga xustiza. Son as cifras frías dun dos accidentes ferroviarios máis importantes dos últimos tempos e que todos os galegos temos marcado na nosa mente, o do Alvia na curva de Angrois, chegando á estación de Santiago de Compostela.
Detrás das cifras agóchanse as vidas dos centos de familias que levan loitando desde aquel 24 de xullo de 2013 para coñecer a verdade daquel sinistro. Jesús Domínguez, presidente da Platafoma Vítimas Alvia 04155, explica no 'Bos días' como viviron todos estes anos as familias e e como afrontan agora o xuízo.
Jesús Dominguez comeza lamentando que "di moi pouco das nosas institucións e da nosa democracia que con 80 mortos e co accidente ferroviario grave da democracia, tivésemos que ir a Europa para que nos traten como verdadeiros cidadáns, nos escoiten e despois de ver as neglixencias que había, se fixese un informe demoledor que botaba por terra a verdade oficial que nos quixeron vender: que non era un accidente da alta velocidade e que o maquinista era o responsable, cando se demostrou todo o contrario. A xente está moi doída e hai moita rabia".
Do xuízo, di o presidente presidente da Platafoma Vítimas Alvia que agardan que a sociedade coñeza a "cadea de neglixencias, e estas mentiras que houbo ao longo destes anos, porque, desgraciadamente, a xente cando nos pregunta sempre fala do maquinista, é o que quedou no seu día e de se cobraramos ou non".
"Agardamos que a sociedade coñeza a cadea de neglixencias e mentiras que houbo"
"Estamos pola verdade, pola xustiza e si que repara que no teu país haxa transparencia, é a proba é que non hai unha investigación técnica independente, como pediu Europa, nos últimos anos", salienta Domínguez
"Ao xulgado chegou o informe elaborado do Goberno", di. "No informe técnico participaron tres peritos", explica Jesús Domínguez, que cando o Estado é o responsable deberían ser por sorteo, dous dos tres peritos imponos a Xunta e amais plaxian o informe do Goberno. A verdade é que o Poder Executivo meta man no Xudicial desta maneira é terrible. O único que pode pasar é que accidentes así volvan ocorrer porque non se toman todas as medidas".
"Haberá sentenza pero non haberá xustiza"
Lembre o presidente da plataforma de afectados as palabras dun pai que perdeu un fillo no accidente e que dixo "haberá sentenza pero non haberá xustiza. Non haberá xustiza porque hai xente que faleceu ao longo destes anos e logo pensamos que falta xente no banco dos acusados; quero lembrar que houbo un aviso dun xefe de maquinistas na primeira viaxe falando do risco desa curva e, adiviñando xusto o que ía ocorrer, chegou a dez altos cargos e non fixeron nada. Despois desde a área de negocio de Renfe, polos atrasos; quero lembrar que se vendeu aos galegos e galegas que una liña que custou case 3.000 millóns de euros, que chegaba a alta velocidade cos sistemas de condución automática e logo resulta que isto era unha gran mentira e polos atrasos que xeraba salia na prensa, e iso calquera o pode comprobar, desconectaron o sistema de seguridade".
"Tampouco se depuraron responsabilidades políticas"
Jesús Domínguez tamén salienta que con "todo isto tampouco se depuraron responsabilidades políticas. Pois no xuízo haberá unha sentenza, desexamos e creemos que para a sociedade é fundamental que saia condenado o Adif para que o próximo director de seguridade antes de asinar a posta en servizo e asinar a liña o pense e mire ben a normativa. Se non ten consecuencias, os políticos seguirán metendo presión aos técnicos e deixaranse meter presión e asinarán postas en servizo aínda que non estea toda a seguridade completada".
"Os técnicos de Adif din que todo cambiou moito agora"
"Os técnicos de Adif dinnos agora que todo cambiou moito", asegura o presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia, que agora se tarda moito máis en poñer en servizo as liñas. "A nosa loita serviu de moito para mellorar a seguridade, pero tócalle agora á xustiza poñerlle o selo a isto e que sexan condenados polos incumprimentos".
O xuízo chega con dous únicos acusados, o maquinista Garzón Am, e o que era no momento do accidente o director de seguridade da circulación e Adif, Andrés Cortavitarte.
Piden 4 anos de prisión para os dous acusados
"O maquinista pediu perdón reiteradamente, recoñeceu que se despistou coa chamada de teléfono, recoñeceu o erro que tivo, tamén dixo que xa lle dixera ao de seguridade que como o vira o mataba, tivo unha actitude moi boa; eu sei de pais e xente que lle perdoou ao maquinista", asegura Jesús Domínguez
Aclarao presidente da plataforma de vítimas que, aínda que no escrito de acusación tamén piden para el catro anos de cadea, "é posible que máis adiante se cambie".
O director de seguridade, di Domínguez, "dedicouse a non declarar, ocultar papeis e cunha actitude bastante chulesca, con 80 mortos. Non entendemos ben, que con 80 mortos e sendo un funcionario público debería contestar a todo o mundo", lamenta referíndose a que posiblemente siga sen contestar no xuízo.