O esforzo para alugar unha vivenda chega por vez primeira ao 50 % do salario en España
Os prezos seguen subindo e marcan os máximos rexistrados nunca nas principais plataformas inmobiliarias
A dificultade para acceder a unha vivenda esténdese tamén ás vilas próximas ás grandes cidades
Vivir de alugueiro en España é máis difícil ca nunca. Os prezos seguen subindo e son os máis altos contabilizados polas principais plataformas inmobiliarias, Idealista e Fotocasa, dende que teñen rexistros.
No último ano, os prezos medraron de media en España un catro por cento pero hai diferenzas entre lugares: Vigo, por exemplo, é unha das cidades onde máis aumentaron: un doce por cento, o triplo da media. Xa ten o metro cadrado máis caro de Galicia. A situación repítese por todo o estado: hai relativamente poucas vivendas en oferta fronte a unha demanda que, de momento, segue sendo moi elevada.
"Buscar piso foi unha decepción tras outra. Eran prezos altísimos por pisos vellos e por riba pequenos", conta Patricia Núñez, unha moza de Vigo que este martes acudía a unha inmobiliaria da cidade para pechar un novo contrato de alugueiro, un piso dun dormitorio.
Os alugueiros son máis caros pero ademais cada vez custa máis acceder a un. É o chamado esforzo salarial, a porcentaxe do salario bruto que hai que destinar a pagar un alugamento. Segundo as estatísticas estamos na cifra máis alta contabilizada nunca: a media en España chega por vez primeira ao 50 %. Hai zonas, como Madrid ou Barcelona, onde o esforzo é case imposible, o 70 por cento dos ingresos.
En Galicia, está por baixo da media, pero tamén está crecendo: o peso do alugueiro pasou do 36 % ao 38 % do salario, o que significa que xa está por riba do que se considera "límite razoable". Iso supón que hai xente que ten que renunciar a moitos outros gastos para vivir de alugueiro e, tamén, que hai directamente moita xente que non pode acceder a un.
"Vén moita xente co salario mínimo e, para un piso de setecentos euros, para alguén que cobra mil douscentos o seguro de impagamento adoita pedir algo máis do dobre do alugueiro. Falamos de 1.600 euros de nómina. A esa persoa canto lle queda para vivir", pregúntase Laura Seoane, da inmobiliaria Tu-Ksa de Vigo.
O problema tamén se está estendendo fóra das cidades, ás vilas próximas aos grandes centros urbanos. En Redondela, por exemplo, apenas hai vivendas en alugueiro, unha escaseza que alí se agrava porque nos últimos anos moitas se están reconvertindo en aloxamentos turísticos para os peregrinos do Camiño Portugués.
"Non hai. A día de hoxe non temos oferta. Nin para unha emerxencia, nin para un mestre que quixera vir...", quéixase Carlos Ferrín, da axencia inmobiliaria San José do centro da vila dos viadutos.
Noutro municipio limítrofe a Vigo, Nigrán, a situación pode ser aínda peor: hai poucos alugueiros e moi caros. Pero a maioría dos que están en oferta non son para todo o ano, porque funcionan como vivendas turísticas no verán. Se alguén quere buscar alí un alugamento de longa duración os prezos dispáranse.