Pepe Ferreirós: "En Milladoiro queriamos abrir a música tradicional a novos tempos"
Milladoiro celebra no Palacio da Ópera da Coruña o 45 aniversario do seu primeiro concerto
Milladoiro naceu unindo aos compoñentes de Faíscas do Xiabre, con Antón Seoane e Rodrigo Romaní
Nestes 45 anos conseguiron desde un premio Goya ás Medallas de Galicia e a Castelao
O nome de Milladoiro na música galega é máis que un grupo ou unha traxectoria. Eles crearon escola e unha sonoridade propia e levaron a música tradicional aos escenarios máis relevantes do mundo. Mañá Milladoiro celebran o aniversario do seu primeiro concerto no auditorio do Colexio Salesianos da Coruña.
Música herdeira do tradicional, dos vellos gaiteiros, das sonoridades medievais, do celta. Hai 45 anos daquel concerto que abriu o longo camiño despois percorrido por Milladoiro. E seguen en activo. O seu nome é historia deste país.