Lumedoloop, Laura Lamontagne e 9Louro, nas músicas de Marta Gómez
Laura Lamontagne regresa da man da produtora Todo Tofu
9Louro cántalle á nostalxia en Estaremos mortos
Lumedoloop, unha nova formación de rap en contra da aritmética do capital
Lumedoloop é unha nova formación con Mou e Jamás dos Diosktecrew e Dj Mil aos pratos. Maniféstanse contra o capitalismo salvaxe no seu primeiro tema de presentación Rico de sabor, onde tiran de retranca para retratar un sistema que promete abundancia á custa de excluír gran parte da poboación.
9Louro cántalle á infancia feliz xunto á familia e aos soños compartidos co seu irmán en Estaremos mortos. Cun vídeo rodado en Louro -non podía ser doutra maneira- cántalle ao poder da música como ferramenta de transformación.
Laura Lamontagne e a produtora de Sara Iglesias, Todo Tofu, agasállannos un directo no faro de Punta Nariga en Malpica, onde a cantante lucense estrea tres novos temas. Coa poesía como bandeira e acompañada de Cristian Durán e Pla Viseiro, ofrece un recital onde a paisaxe salvaxe da Costa da Morte casa á perfección coa súa proposta lírica.