Estrelas no Camiño, unha noite solidaria cos mellores chefs
Os anfitrións son os irmáns Rial, de Casa Barqueiro, en Negreira
Acoden os chefs máis célebres do momento, con case 70 estrelas Michelin
Negreira volve ser esta noite a capital gastronómica de España. Celebran alí unha nova edición de Estrelas no Camiño. Máis de trinta chefs, que suman 70 estrelas Michelin, acudiron este ano á convocatoria da cea solidaria que organizan os irmáns Rial. Unha cea que culmina unha xornada cunha axenda moi apertada. Unha das actividades levou o grupo pola mañá ata a praia de Testal.
Da man dos responsables da confraría de Noia coñeceron de preto o traballo das nosas mariscadoras. Antes almorzaban con produtos de Galicia Calidade. A degustación foi unha experiencia para afondar na relación entre gastronomía e territorio.
"E tamén ter un maior coñecemento da amplitude da gastronomía de Galicia, da que por outra parte, todos somos devotos. É un evento solidario, onde ademais temos a oportunidade de compartir con moitos chefs nacionais e agora tamén internacionais", di Jesús Sánchez, xefe de cociña do Cenador de Amós, en Cantabria.
"Somos un gremio con boas sinerxías, que nos levamos ben. Non hai competitividade e hai moito compañeirismo e agora estamos gozando de desfrutar a cultura gastronómica galega", engade Fina Puigdevall, a chef de Le Cols, en Cataluña.
"Somos a despensa de España. E eles dino. Temos o mellor marisco, temos queixos incribles, das carnes que imos dicir...", subliña Lucía Freitas, quen está ao mando dos fogóns no coñecido restaurante compostelán da Tafona.
"Aquí no que se trata tamén é de non perder a identidade dos produtos da terra, da contorna, de crear unha economía circular, de coidar os produtores e de que non se perdan esas profesións", explica Elena Arzak, chef do Relais & Châteaux de Juan Mari e Elena, en Euskadi.
O selo Galicia Calidade ampara 180 empresas e ten máis de 880 produtos adheridos O 9,7 % do PIB galego é das empresas que pertencen a Galicia Calidade como selo de garantía. Produtos galegos que a partir deste serán converterán Negreira no centro gastronómico do país.