Publicador de contidos

Publicador de contidos

É obrigatorio devolver un obxecto perdido? Tres menores, condenados en Vigo por non devolver 4.000 euros

É obrigatorio devolver un obxecto perdido? Tres menores, condenados en Vigo por non devolver 4.000 euros

Case sempre si, pero hai dereito a recompensa

A persoa que atopa un artigo pode pedir unha gratificación ou quedar con el pasados dous anos

G24.gal 28/08/2026 15:14

Coller ou non coller? Esa é a cuestión. Cando alguén atopa un obxecto perdido na rúa debe facerse algunhas preguntas. En Vigo, tres menores de idade acaban de ser condenados por non devolveren os cartos, máis de catro mil euros, que atoparon nun bolso esquecido pola súa propietaria. A lei é contundente: na maioría dos casos hai que entregar o que se encontra. Ao dono ou dona, se sabemos quen é, ou ás autoridades.

"A xente descoñéceo, pero isto está regulado no Código Civil: o que atope un obxecto debe restituirllo ao seu anterior posuidor ou ao alcalde da vila onde se achou", explica a avogada Lourdes Carballo, decana do Colexio da Avogacía de Vigo lendo o artigo do Código Civil que trata sobre os obxectos perdidos.

Pero como hoxe os alcaldes e as alcaldesas teñen outras ocupacións, hai que acudir á Policía Local. Eles buscarán os propietarios. A lei tamén establece as condicións e garante que a persoa que entrega un obxecto perdido ten dereito a unha recompensa. Se o dono aparece, pode pedir o dez por cento do valor estimado do artigo; se non aparece, pasados dous anos, pode reclamar o obxecto. Isto é o que acontece con máis frecuencia.

"Evidentemente, o noventa por cento ou máis das cousas que entran aquí con datos entréganse. Sobre todo, se se trata de moitos cartos porque as xestións que se fan son superiores. Podemos mover Roma con Santiago", asegura Javier Pena, o axente da Policía Local de Vigo encargado da oficina de Obxectos perdidos. 

Penas de prisión

Pero en realidade non hai que devolver calquera obxecto perdido que unha persoa atope na rúa. Só, como indica a lei, os que teñan algún valor. Que é valor xa é un concepto aberto. Pode ser un valor económico evidente ou podemos falar dun ben cun valor persoal ou sentimental. Nese caso quedar con algo que non nos pertence é un delicto: apropiación indebida. Se o artigo vale menos de catrocentos euros, o castigo é unha simple multa. Pero se vale máis, a pena é de prisión, cun mínimo de seis meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade