'Decorado', a nova película de animación de Alberto Vázquez
O director escolleu A Coruña para a presentación e a preestrea
A longametraxe, participada pola TVG, chegará aos cines o 24 de outubro
O ilustrador galego e director gañador de catro premios Goya, Alberto Vázquez presentou na Filmoteca de Galicia a súa nova película de animación, 'Decorado'. Participada pola TVG, poderá verse en cinemas comerciais a partir do 24 de outubro.
"Esta película é unha fábula, un conto, unha metáfora sobre o sentido da vida e a liberdade humana", explicou o seu director en declaracións aos medios.
Fíxoo para recalcar que "a animación é unha forma moi poética de falar da realidade porque podes facer o que a túa imaxinación queira, o que ti poidas debuxar". "Podes saltar calquera tipo de censura", insistiu.
Neste sentido, expuxo que o obxectivo do seu traballo era "falar da crise que vivimos na sociedade actual".
"As problemáticas existenciais, laborais, médicas, as crises de parella son universais por iso funciona, son intrínsecas ao ser humano", sinalou.
'Decorado' é unha longametraxe do curto homónimo co que Vázquez gañou o Premio Goya a mellor curtametraxe de animación en 2017. Esta obra tivo a súa premiere española no festival de Sitges tras a súa estrea mundial en 'Fantastic Fest' en Austin, nos Estados Unidos, onde recibiu unha Mención Especial do Xurado.
A produtora exectiva do filme, Chelo Loureiro, mostrouse moi satistecha coa "boa acollida" a nivel internacional desta longametraxe,a terceira do cineasta galego tras 'Birdboy: The Forgotten Children' e 'Unicorn Wars'.